A Banda de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto dedicado á música de cine este sábado, día 21, ás 22:00 horas enfronte do edificio de Aduanas ribadense, xunto ao parque de San Francisco. En caso de mal tempo esta actuación aprazaríase.
O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo, David Ballester, anuncia que este concerto “vai constar de obras de diferentes películas (de animación, de acción, …) coñecidas tanto por novos como por non tan novos e mentres que interpretamos as bandas sonoras estaranse proxectando nunha pantalla escenas desas películas”.
David Ballester destaca que a gran maioría das pezas de bandas sonoras incluídas no programa “serán interpretadas por primeira vez pola Banda de Ribadeo, o que hai que ter en conta porque iso quere dicir que segue funcionando ben”.
Ademais o director da formación explica que para asistir a este evento “será necesario manter as medidas Covid, como a distancia social, máscara, etcétera”.