A exposición fotográfica Os nosos océanos estará en Burela, na praza do Concello, do 2 ao 18 de xullo.
O concelleiro de Cultura, José Díaz, anunciou que “na praza do Concello teremos entre os días 2 e 18 de xullo unha exposición que se chama Os nosos océanos. É unha mostra de fotografía de diferentes autores internacionais a pé de rúa e que mostra a biodiversidade mariña para concienciarnos de que todo o que coñecemos como vida non só procede dos océanos senón que sigue dependendo deles. Nos mares escóndense moitas sorpresas que durante séculos alimentaron a curiosidade de científicos, de cazadores de tesouros e a admiración de todos”.
O edil burelés explicou que “esta exposición pretende espertar ese recoñecemento de que os océanos son cuna de vida, manantial de vida, reguladores dos elementos básicos do clima, depuradores naturais de contaminación, abastecen ademais de alimento e incontables materias primas. É unha exposición que aúna tanto beleza como transcendencia e emotividade e que estará aquí durante eses dezaseis días para que a xente poida desfrutar dela e axudar tamén a esa parte de concienciación”.
Díaz agarda que “todos a desfrutemos e queremos agradecerlle a confianza a ABanca en nós para ter aquí esta exposición tan espectacular”.