O Pavillón da Veiga acollerá este sábado 19 de xuño, a partir das 17:00 horas, o II Campionato Galego e Interautonómico de Taji Quan, nas modalidades individual e por parellas.
O evento foi presentado polo concelleiro de Deportes David Rodríguez, e polo Director do Departamento Galego de Taiji Quan da Federación Galega de Kárate e D.A., Miguel Ángel Rojo, que organiza o evento.
Na cita competirán máis de 100 deportistas, de idades comprendidas entre os 20 e os 80 anos, que proveñen das catro provincias galegas –no caso da competición autonómica- e do País Vasco, Madrid, Castela e León, Cantabria e Asturias, para o interautonómico.
A competición, como xa se apuntou, será na modalidade individual e por parellas, e o método de arbitraxe será por eliminatorias por bandeiras, con repesca.
Rodríguez puxo en valor unha vez máis o gran traballo desenvolvido por Miguel A. Rojo “que convirte a Cervo nun referente a nivel nacional en materia de Artes Marciais, e recordou que desde a administración local “seguiremos amosando a nosa colaboración para a celebración deste tipo de eventos que permiten tamén dar a coñecer un pouco máis esta disciplina ao gran público”.