Barreiros presenta a plataforma virtual AEscola, que será a ferramenta de divulgación cultural máis ambiciosa do concello e que servirá de carteleira de actividades, aula virtual interactiva e contará con espazos para os eventos das distintas asociacións culturais e centros educativos do concello.
"Este soporte facilitará que os seus contidos se poidan modificar e actualizar de forma constante, o que a converte nunha ferramenta actual e perdurable no tempo, así como traballar de forma coordinada desde as distintas áreas" sinala o concelleiro de dinamización, Daniel García.
A plataforma poñerase en marcha o luns 17 de maio cunha serie de actividades virtuais relacionadas coa conmemoración das Letras Galegas, as cales contarán con distintos niveis de dificultade.
Trátase dun espazo virtual que poderá convivir con actividades presenciais, coa versatilidade de poder manter dinamismo social en calquera situación. “A idea é que este espazo sirva de lugar de encontro e intercambio de coñecemento á vez que nos permita achegar á veciñanza as actividades educativas, culturais, etc que se realicen dende o Concello” apunta o edil barreirense.
Ao mesmo tempo, a plataforma será interactiva, polo que as persoas que participen nela non só recibirán información, senón que poderán alimentar o propio contido, creando o primeiro espazo virtual participativo municipal co que se pretende “aproveitar as debilidades da situación que estamos vivindo e convertelas en fortalezas; creando sinerxias e actuando como un espazo no que englobar, de xeito coordinado, toda a actividade que exista no concello”, conclúe García.