O Concello ultima os preparativos do I Half Triatlón Ribadeo que se celebrará o vindeiro 15 de maio. O edil de Deportes, Jorge Díaz, salienta a importancia desta proba nacional e o impacto económico que pode ter dado o alto nivel de participación.
O concelleiro ribadense lembrou que “o vindeiro 15 de maio se fará, por primeira vez, un triatlón de carácter nacional, a través tanto da Federación Galega como da Federación Nacional. O Concello colabora intensamente coa organización. É un percorrido moi transversal no senso de que toca o ámbito tanto urbano como practicamente todas as parroquias polas que pasa ou ten influencia, incluso ten bastante influencia noutros concellos como Barreiros e Trabada”.
O edil de Deportes explicou que “a proba sae dos Bloques, ese entorno tan característico da ría de Ribadeo, aí faise a proba de natación e despois o percorrido en bicicleta pasa por Vilamartín Grande, sube toda a estrada que vai a Santa Cruz, dá a volta e regresa á praia dos Bloques. A continuación sairán cara ao faro, percorrendo unha distancia de 10 ou 15 quilómetros, dependendo das dúas modalidades que se corren dentro da mesma proba e rematará na praza onde está o Concello”.
Jorge Díaz sinalou que “é transversal tamén tanto nas administracións como nestes tres concellos que toca, onde temos que dar as grazas aos máis de cen voluntarios que están apoiando a proba, ás distintas institucións e aos distintos Concellos. Queremos agradecer tanto a Barreiros como a Trabada toda a súa colaboración, desde o primeiro momento con voluntarios, ás dúas alcaldesas neste caso. Esperamos que vaia todo ben”.
Para Díaz Freije “loxicamente unha proba tan longa algún trastorno trae entón, desde ás nove menos cuarto da mañá ata as dúas e media da tarde, vai estar cortada a circulación nesa estrada. Queremos advertir que hai alternativas en calquera punto para que a xente se desprace sen ningún tipo de inconveniente. Estes días vaise poñer a sinalización e se hai algunha dúbida que chamen ao Concello para tratar de arranxalo o antes posible”.
O concelleiro de Deportes subliñou que “é unha proba importante en todos os sentidos, tamén para o sector hostaleiro que nestas datas que estamos a sufrir os inconvenientes da pandemia tamén se viu afectado. É un pequeno impulso para empezar esta nova etapa que esperemos que vaia todo ben”.