A Vicepresidencia da Deputación de Lugo promovo un ciclo de proxeccións audiovisuais que levará os filmes finalistas ao Premio Mestre Mateo a Foz, Vilalba e Chantada. As tres localidades acollerán nas vindeiras semanas os pases de “Ons” de Alfonso Zarauza, “A illa das mentiras” de Paula Cons, “Arima” de Jaione Camborda e “Lúa Vermella” de Lois Patiño, candidatas ao galardón na categoría de Mellor Longametraxe.
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Maite Ferreiro, e o vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual, Pepe Coira, presentaron a iniciativa este martes no Pazo de San Marcos, acompañados por Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, e Mercedes Vázquez, de Airoá Comunicación, que xestionarán as proxeccións en Vilalba e Chantada, respectivamente.
“Desde a Vicepresidencia da Deputación presentamos esta nova actividade de apoio ao sector audiovisual galego, en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual e con asociacións e concellos, que facilitan as proxeccións en diferentes espazos culturais. É a primeira vez que desde a institución provincial se aposta por unha iniciativa coma esta, que contribuirá á difusión e ao recoñecemento do cine feito no país”, expuxo Maite Ferreiro.
A deputada de Cultura incidiu na aposta por “espallar as actividades culturais polos concellos e comarcas, para que o lugar de residencia non exclúa do acceso a unha cultura de calidade e con todas as garantías”.
Pepe Coira explicou que “a iniciativa concorda co obxectivo dos Mestre Mateo que, máis aló dunha gala na que destacar o traballo dunha obra ou duns creadores, pretenden ser un escaparate para o conxunto do audiovisual galego. Este ciclo permítenos dar a coñecer e poñer en valor o que se está a facer, especialmente nun ano coma este no que a pandemia condicionou a actividade nas salas comerciais”.
O guionista lucense tamén reflexionou sobre a saúde do cinema galego que, dixo, “nestes últimos anos ten demostrado moita vitalidade no circuíto de salas, deixou de ser unha cousa chamativa, extraña, que houbese unha pelíclua galega en salas comerciais”.
“Desafortunademente, explicou, aconteceu o contrario coas salas de cine, que foron desaparecendo das vilas e localidades e concentrándose nas capitais”. A este respecto, reivindicou as proxeccións en espazos culturais como alternativa para desfrutar do cine de forma colectiva, como complemento ao consumo individual ao que parece que estamos abocados”.
Primeiras proxeccións en Foz
O ciclo de proxeccións arranca a vindeira semana en Foz. A Concellería de Xuventude, dirixida por Gema Méndez, colabora na organización dos pases, do 6 ao 9 de abril, ás 20.00 horas na Casa da Cultura.
6 de abril – Lúa Vermella
7 de abril - Arima
8 de abril – A illa das mentiras
9 de abril - Ons
A concelleira focense convidou “a reservar as entradas para as proxeccións, unha oportunidade única para desfrutar en Foz do mellor cine galego en pantalla grande. A entrada será gratuíta pero con reserva previa, para cumprir coas limitacións de capacidade e garantías sanitarias. As persoas que queiran asistir teñen que anotarse a través do teléfono 982133037”.
Nos vindeiros días concretaranse as proxeccións en Vilalba e Chantada, prevista para o mes de maio.