AciaFozCCA anima a facer as compras de San Valentín no comercio local e a disfrutar dos escaparates que xa están cheos de color e de disfraces para render tamén unha homenaxe ao Entroido de Foz, xa que neste 2021 non se poderá celebrar o tradicional desfile.
O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, sinala que “temos tanto o Entroido como San Valentín á volta da esquina. Desde o Centro Comercial Aberto queremos animar á xente a que faga as súas compras para o Día dos Namorados no comercio local, onde xa poden atopar avances das coleccións de primavera. Os escaparates dos nosos establecementos están cheos de color e tamén de disfraces para celebrar ambas datas e para render homenaxe ao Entroido de Foz, xa que neste 2021 non teremos o tradicional desfile, debido á situación sanitaria que estamos a vivir”.
Paleo conta que “os días 12, 13 e 14 de febreiro as pastelerías Amarena, Anduriña e Xoyma ofrecerán un ano máis os seus doces afrodisíacos para degustar na casa ao igual que as propostas gastronómicas que as nosas veciñas e veciños poderán atopar nos locais hostaleiros de Foz que contan con servizo de restauración a domicilio”.
Nesta campaña, organizada por AciaFozCCA, colaboran o Concello, ImpulsaFoz e a Xunta de Galicia.