O vindeiro martes, 15 de decembro, ás 17 horas na Casa da Cultura de Foz terá lugar unha charla coloquio sobre a prospección e as sondaxes arqueolóxicas valorativas no xacemento do Carreiro, en Marzán.
Este acto, xunto coas conferencias sobre este mesmo tema que se desenvolverán no IES de Foz, teñen como obxectivo poñer en valor os resultados das prospeccións promovidas polo goberno autonómico no xacemento do Carreiro, en Marzán, a carón mesmo do paseo marítimo entre Rapadoira e Llas. Cun patrimonio moi rico en castros e asentamentos de época prerromana e romana, Foz conta con xacementos tan coñecidos como o Castro de Fazouro. O achado neste caso de restos de cerámica permite situar as estruturas descubertas nun contexto histórico, o que facilitará o traballo dos investigadores.
A charla será dirixida polo arqueólogo director dos traballos no xacemento de Carreiro, Roberto Bartolomé Abraira. O acto está programado polo Concello de Foz, que convida “a todo o mundo a escoitar e a descubrir outro anaco máis da nosa historia”.
Por motivos de aforo é obrigatoria a reserva de asistencia previa no número 982.140.027 Extensión 3”.