Mañá, 13 de novembro, terá lugar a reapertura da exposición do fotógrafo galego Julio Noche, titulada Luces e Sombras, que estará na Casa da Cultura de Burela ata o 30 de novembro.
Esta mostra abriu inicialmente ao público o pasado día 29 de febreiro, pero tivo que pechar aos poucos días despois debido á pandemia de covid, segundo informa a Concellería de Cultura de Burela.
Luces e Sombras é unha colección de máis de vinte fotografías que reflicten unha persoal busca da luz, desde as tebras. O autor non ilumina a escena senón que a escena o ilumina a el e, no último termo, ao espectador. As imaxes mostran estados de ánimo, momentos contemplativos de beleza ou de reflexión, e xogos co abstracto buscando novos estímulos.
Julio Noche utiliza, nesta ocasión, a fotografía como terapia da alma propia esperando o mesmo resultado na allea.
Esta exposición poderá visitarse de luns a venres en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas ata o vindeiro 30 deste mes de novembro.