A Concellería de Medio Ambiente organiza obradoiros gratuítos para os nenos e nenas de Burela en horario extraescolar durante o curso 2020/2021. Serán os venres na praza de abastos. Están destinados para o alumnado de infantil e de primaria e serán impartidos polas monitoras de Gaia.
A edil Toñi Eijo explica que “durante o curso 2020/2021 imos ofertar obradoiros organizados polas monitoras de Gaia en horario extraescolar. Contaremos con obradoiros de manualidades, reciclaxe, talleres de cociña…, que terán lugar os venres. Así neste mes de outubro, que está a piques de comezar, teremos o día 9 un obradoiro de pousavasos, o día 16 manualidades con follas, o 23 manualidades con ramas e o 30 manualidades de Samaín”.
A concelleira de Medio Ambiente subliña que “faremos dúas quendas, a primeira será ás 17 horas e a segunda ás 18:30 horas. A duración de cada obradoiro será dunha hora e levaranse a cabo na Praza de Abastos. O número de prazas para cada grupo será de 10 nen@s. Para participar nestes obradoiros, dirixidos a nen@s de Infantil e Primaria, hai que apuntarse chamando ao 647136673 ou na oficina de Gaia sita na Praza de Abastos”.
Eijo engadiu que “os obradoiros son gratuítos e ademais do rango de idade, será requisito para poder disfrutar deles estar empadroado no noso concello. Tomaremos todas as medidas precisas para evitar na medida do posible contaxios de covid19: uso de máscaras obrigatorio, limpeza de mans, desinfección do material, medición da temperatura, ventilación do local...”.