O Concello de Cervo reabrirá a piscina olímpica municipal o martes, 15 de setembro, tal e como anunciou o edil de Deportes, David Rodríguez, logo de manter un novo encontro co persoal municipal das instalacións para perfilar os protocolos que xa foron definindo durante este tempo, en materia de prevención do COVID-19.
Neste sentido, tal e como avanzou Rodríguez, desde esa data estarán dispoñibles o vaso e o ximnasio público, dos que as persoas usuarias poderán facer uso “sempre previo reserva vía telefónica” a través do 982594512; para poder ter un control exhaustivo do aforo, que será limitado.
O edil explica que neste tempo xa fomos definindo os protocolos de actuación que iremos pormenorizando en datas próximas, así como os horarios nos que as persoas usuarias poderán desfrutar destas instalacións, que “anunciaremos nos vindeiros días”.
O responsable de deportes, subliñou, así mesmo, que durante este tempo no que nos vimos obrigados a pechar a piscina, estivemos acometendo diversas tarefas de mantemento e adecuación, tales como “a renovación integral da rede de subministro de auga fría e auga quente, que suporá un incremento do caudal de auga nos vestiarios, e unha mellora térmica; o acondicionamento dun novo almacén e dun cuarto para o material de limpeza; ou a habilitación dun novo vestiario para os empregados municipais”.