O Concello de Viveiro, xunto coa Comisión de Festas, adoptaron a decisión de suspender a celebración da Romaría do Naseiro considerando que é o mellor e o máis axeitado tendo en conta a situación orixinada polo COVID-19.
O Concello de Viveiro, ao non ser o organizador da festa, non podía suspender a súa celebración directamente, pero si tiña competencias para non autorizar a súa celebración. Polo momento non había nada tramitado, porque estaba todo falado e consensuado coa Comisión, á espera de valorar a evolución da situación e adoptar unha decisión ao respecto.
O Concello de Viveiro presentará proximamente a programación alternativa que se deseñou para o mes de agosto, de acordo coas medidas e limitacións establecidas polas autoridades competentes e a nova normalidade.
O Concello lamenta profundamente que este ano non sexa posible celebrar unha das festas locais máis representativas e agarda que o vindeiro ano poida novamente desfrutar con máis ganas e ilusión desta tradicional romaxe.
Finalmente, o Concello quere agradecer á Comisión de Festas o traballo realizado e manifestar o sue apoio a todas aquelas persoas que se verán prexudicadas, non só polo que o Naseiro significa a nivel festivo e de ocio, senón tamén dende un punto de vista económico, polas consecuencias da súa suspensión.