As Concellerías de Turismo e Medio Ambiente suspenden as rutas xeolóxicas da vindeira semana, debido ao confinamento da comarca da Mariña que vai decretar a Xunta desde a media noite.
Ramiro Fernández comentou esta tarde que “para estes días estaban previstas dúas rutas, a do Perdouro mañá, día 6, e a do Cantiño o mércores, 8 de xullo. Estas quedan canceladas, debido á situación na que nos atopamos. E despois teremos que decidir en función dos acontecementos”.
O concelleiro de Turismo fixo unha chamada á responsabilidade cidadá: “ou somos conscientes da gravidade desta pandemia e actuamos con responsabilidade ou imos pasar unha grande parte do verán confinados. E esa sería unha moi mala noticia para Burela e para a comarca da Mariña. Vimos de pasar unha primavera moi dura, de vivir unha situación sen precedentes, e parece que non aprendemos. O comercio e a hostalería estaban comezando a traballar e agora volven as restricións. Así non vamos a ningún lado”.
Fernández Rey pide “responsabilidade e respecto, e que todo o mundo acate as normas ditadas polas autoridades sanitarias e polas que se irán poñendo en marcha desde o Concello”.