O Concello de Cervo ven de ditar o bando polo que autoriza a celebración das fogueiras de San Xoán soamente para as cacharelas privadas. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 21 de xuño, ás 00:00 horas.
O bando recolle que “para a celebración das fogueiras en terreos de propiedade privada deberá presentarse comunicación previa da actividade, segundo o modelo oficial que figura na páxina web do Concello, www.concellodecervo.com. As fogueiras, en terreos de propiedade privada promovidas exclusivamente por particulares, cumprirán en todo momento coa normativa en vigor relativa ás medidas de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, concretamente ao número de persoas que se poidan xuntar para a celebración, as medidas de hixiene de mans e medidas alternativas de protección física e de etiqueta respiratoria”.
O bando ditado polo Concello de Cervo sinala que “se a propiedade está en zona urbana, o volume do combustible da fogueira non excederá dos 2 metros de diámetro e 6 metros de perímetro, nin un metro de altura. En zona rural o volume de combustible da fogueira non excederá dos 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro, nin os 3 metros de altura, e deberá cumprir as normas de distanciamento que a tal efecto ten previstas a Consellería de Medio Rural en materia de prevención de incendios forestais. Porase especial coidado en situar a fogueira alonxada das vivendas, vehículos, instalacións e locais nos que se almacenen produtos inflamables, asemade non se situarán baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, nin preto de masas arbóreas ou zonas vexetais susceptibles de ser queimadas. Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, aceites e en xeral de calquera sustancia que ao redor desprenda fume tóxico”.
A hora límite para rematar a celebración das fogueiras de San Xoán será as 03:00 horas, de acordo co disposto na lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. Non se poderá ocupar ningún terreo ou espazo público.