O hotel restaurante Vila do Val, de Ferreria do Valadouro, organiza unha cea máxica que se celebrará o vindeiro sábado, 9 de novembro, a partir das 21:30 horas, que contará coa actuación do Mago Teto.
O menú constará dun entrante, denominado Bocado Máxico, e que serán cristais de tomate do Valadouro; o primeiro prato, chamado Variña do Mago, estará composto de roliños de setas con panceta; o segundo prato, Fusión de Trucos, será carrilleiras con mazá; e a sobremesa, chamada O As da Manga, consistirá nun biscoito de castañas. Estes pratos estarán acompañados con viños tinto ou branco, auga mineral, café ou infusión.
Durante a cea actuará o Mago Teto, quen ofrecerá maxia de preto entre prato e prato e un espectáculo final, para un mínimo de vinte persoas, despois de servir os cafés.
O prezo será 30 euros por persoa e haberá un menú infantil a 12 euros. Ademais o hotel Vila do Val ofrecerá interesantes descontos a aqueles que queiran pasar a noite nas súas instalacións.
As persoas interesadas poden facer a súa reserva no número de teléfono 982 57 16 53 ou en info@hotelviladoval.com.
A directora do hotel Vila do Val, María Hermida, explica que “un ano máis participamos no Mes da Maxia, que organiza a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, porque se trata dunha cita que nos funcionou moi ben desde o primeiro ano e por iso quixemos estar presentes nesta oitava edición. Agardamos que o menú máxico que preparamos guste e que a nosa clientela se prepare para vivir unha velada chea de ilusión”.