A Casa da Cultura de Foz acollerá os catro xoves de novembro ás 20:30 horas un ciclo de charlas médicas organizado polo Concello focense.
A concelleira de Sanidade, Verónica Peña, explica: “quixemos que abarcaran todas as idades, desde a nenez ata a madurez e a vellez. Por iso cada xoves vai ir un especialista en cada idade: para a nenez ven un pediatra, para a adolescencia ven unha psicóloga, para a madurez ven un xinecólogo e para a vellez temos un xeriatra, pois aínda que no hospital de Burela non hai xeriatra consideramos que é un especialista importante para os problemas que son comúns a todos os maiores”.
Verónica Peña engadiu que “puxémolas ás oito e media da tarde porque cremos que é unha hora na que a xente vai saíndo do traballo e pode acudir antes de ir para a casa. Esperemos que lles guste a todos”.
O día 7 o pediatra Assad Abadi Abadi falará sobre a nenez, o día 14 a charla versará sobre a mocidade e correra a cargo da psicóloga Ana Abad López, o día 21 o xinecólogo Cristóbal Rodríguez Garfia tratará sobre a madurez e o ciclo rematará o día 28 cunha charla do xeriatra Laureano Alberto Negrón Blanco sobre a vellez.
Este ciclo está organizado polo Concello de Foz coa colaboración da clínica Maas Saúde.