No Pazo de San Marcos presentáronse as catro feiras do libro que se celebrarán nos vindeiros meses na provincia: Lugo, Viveiro, Foz e Monforte.

No Pazo de San Marcos presentáronse as catro feiras do libro que se celebrarán nos vindeiros meses na provincia: Lugo, Viveiro, Foz e Monforte.
 
O responsable de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro, participou esta mañá na presentación das Feiras do Libro que se desenvolverán neste 2015 na provincia de Lugo. No acto, que se celebrou no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, tamén estivo presente a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez Álvarez, colectivo que se encarga de organizar estas feiras.
Mario Outeiro salientou que un ano máis, “a Área de Cultura da Deputación de Lugo colabora coa Federación de Librarías de Galicia para organizar catro feiras do libro na provincia de Lugo, sendo a primeira a da capital, que se desenvolverá no mes de maio, e posteriormente as de Viveiro, Foz e Monforte, que se celebrarán as tres consecutivamente no mes de agosto”, apuntou.
O responsable provincial de Cultura concretou que a Feira do Libro de Lugo “volverá celebrarse coincidindo coa semana das Letras Galegas, entre os días 12 e 17 de maio, mentres a que de Viveiro será do 13 ao 16 de agosto, a de Foz do 20 ao 23 dese mesmo mes e pechará o ciclo a de Monforte, entre o 26 e o 29 de agosto”, sinalou.
Apoio decidido a este sector
Mario Outeiro, que tamén agradeceu o apoio dos concellos a estas feiras, considera que a colaboración da Área de Cultura “é unha clara aposta polos libreiros lucenses, así como polo sector do libro. Non só o facemos a través da realización destas feiras do libro, senón cun servizo de publicacións activo e relacionado con temas da nosa provincia, co apoio ao sector editorial para a publicación de libros que teñan de temática Lugo, así como coa organización da Semana do Libro e de animación á lectura, que se vén facendo anualmente cos centros de ensino da nosa provincia. Consideramos que é moi importante animar aos máis pequenos a coller o hábito da lectura”, destacou.
A Vicepresidencia Primeira da Deputación, a través da súa Área de Cultura, ten firmado un convenio coa Federación de Librarías de Galicia por valor de 4.000 euros, polo que cada feira recibe 1.000 euros. Asemade, a área que xestiona Mario Outeiro participa en todos estes eventos cun stand propio.
Pola súa banda, Pilar Rodríguez agradeceu a implicación do organismo provincial. “Temos que agradecer moito a implicación e o papel que xoga a Área de Cultura, porque sen a súa axuda sería imposible sacar adiante estas feiras”, asegurou.
Pese ao difícil momento que atravesa o sector do libro, a presidenta da Federación de Librarías de Galicia felicitouse da boa saúde da que gozan as catro feiras lucenses. “A máis nova é a de Monforte, pero este ano xa vai alcanzar a súa maioría de idade, ao seu 18 aniversario, mentres que a de Viveiro vai por 19 anos, a de Foz por 30 e a de Lugo por 33. Son feiras moi importantes, están completamente asentadas e pensar que algunha non continúe nos vindeiros anos non é doado”, expresou confiada. 
Finalmente, recordou que despois da Feira do Libro de Lugo se desenvolverá a Feira do Libro Antigo e de Ocasión, que terá lugar na cidade amurallada entre o 4 e o 19 de xullo. E tamén quixo lembrar a súa aposta por “facer visibles nas nosas feiras a colectivos como os da Once ou a Federación de Persoas Xordas, colectivos que se cadra non son moi numerosos, pero que forman parte da nosa sociedade”, concluíu.