Mondoñedo será escenario dun curso de iniciación á olería mindoniense. A actividade desenvolverase do 5 ao 26 de febreiro no Alfar Os Muíños.

Mondoñedo será escenario dun curso de iniciación á olería mindoniense. A actividade desenvolverase do 5 ao 26 de febreiro no Alfar Os Muíños.
 
O Goberno local do Concello de Mondoñedo en colaboración coa Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, organiza o curso de formación Iniciación á olería mindoniense. A actividade desenvolverase entre o 5 e o 26 de febreiro en horario de 16:00 a 19:00 horas de martes a venres e nace dentro do programa de dinamización dos Muíños.
O curso estará dotado de oito prazas e levarase a cabo no Alfar Os Muíños. A matrícula é gratuíta e a solicitude de participación realizarase a través da páxina www.artesaniadegalicia.xunta.es ou no número de teléfono 881999171. A encargada de impartir a formación será ChusLage.
No transcurso da actividade os participantes iniciaranse nas técnicas do torneado dos oleiros de Mondoñedo, o seu xeito de preparar o barro, as formas e os usos. Tamén se estudarán as diferentes pezas que se elaboraban para os mesmos usos, observando as súas vantaxes e os seus inconvenientes, as diferentes decoracións e poranse en práctica os conceptos aprendidos traballando no torno para conseguir reproducir as pezas.
A alcaldesa, a popular Elena Candia, pon en valor este tipo de iniciativas “que contribúen a manter viva a tradición de Mondoñedo”, ao tempo que lembra o esforzo do seu goberno por revitalizar o barrio a través de medidas como a recente incorporación dun canteiro. Destaca ademais que se están a recibir propostas dos artesáns para incorporarse o proxecto de dinamización dos Muíños.
Sobre ChusLage
En 1985 comezou a traballar co oleiro mindoniense Alejandro Rodríguez Soto, co que traballou durante 10 anos, aprendendo a tornearas pezas tradicionais. No ano1997 gradúase na EASD Ramón Falcón de Lugona especialidade de cerámica artística. No 2002 inicia o seu camiño ao fronte do obradoiro de olería en Mondoñedo no que traballa ata a actualidade mantendo viva a olería tradicional de Mondoñedo. Ao longo da súa carreira profesional participou en diversas exposicións, tanto individuais como colectivas, así como en diferentes concursos,obtendo mencións en Lugonova (Cervo) e sendo unha das súas pezas seleccionada para o Certame Artes Plásticas Cidade de Lugo. Conta con experiencia docente impartindo varios cursos de olería e cerámica en diferentes concellos da Mariña lucense.