Desde o 10 de xullo está na rúa A Gaceta Ribadense, a publicación con formato e deseño similar ás de comezos do século XX, que editou Faro Norte Comunicación con motivo do Ribadeo Indiano.

Desde o 10 de xullo está na rúa A Gaceta Ribadense, a publicación con formato e deseño similar ás de comezos do século XX, que editou Faro Norte Comunicación con motivo do Ribadeo Indiano.
 
A publicación con formato e deseño similar aos xornais que había a comezos do século XX, que editou Faro Norte Comunicación, está na rúa desde o 10 de xullo, coincidindo co inicio dos actos incluídos no programa da segunda edición do Ribadeo Indiano. 
A Gaceta Ribadense, que así é como se chama, é un grao de area máis co que Faro Norte Comunicación pretende contribuír á celebración do Ribadeo Indiano e ao mesmo tempo rende tributo aos periódicos que houbo en Ribadeo no século XIX e comezos do XX como Ribadense ou Las Riberas del Eo. 
Trátase dunha publicación en branco e negro e co deseño, as tipografías, o estilo e o tipo de anuncios similares aos que tiñan os xornais que había naquela época. Pero os artigos e os anunciantes son actuais, para o que os promotores desta iniciativa contaron coa colaboración de escritores e de empresas locais, ademais do apoio de institucións.
A idea de levar a cabo esta publicación partiu do ribadense Justo García, que ademais se encargou do deseño e da maquetación, mentres que da coordinación e da xestión publicitaria se ocuparon Carmen Cruzado e Beni Mántaras.
Editáronse 3.000 exemplares que se repartirán gratuitamente durante a Festa Indiana nos establecementos que colaboran na publicación e tamén en librarías e puntos de venda de prensa de Ribadeo. Ademais haberá persoas caracterizadas como repartidores de xornais da época entregando os exemplares polas rúas ribadenses aos veciños e aos numerosos visitantes que se esperan para eses días.