A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE FOZ ORGANIZA O XIII CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL.

Bases Concurso Postais Nadal 2014 Biblioteca MunicipalO Concello de Foz organiza, a través da súa biblioteca pública municipal, e en colaboración con Radio Foz e a Oficina de Información ao Consumidor, o seu XIII Concurso de Postais de Nadal. No certame, que dende a organización destacan que é o máis antigo da comarca, poderán participar tódolos rapaces que o desexen con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos.

Os participantes optarán a un primeiro e a un segundo premio en cada unha das tres categorías: infantil ata 6 anos, infantil de 7 a 10 e xuvenil de 11 a 16. Tamén haberá un premio especial para o colexio do que forme parte o alumno premiado. O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 26 de novembro e o fallo do xurado farase público o 1 de decembro a través de Radio Foz, no teléfono 982.14.06.75 e na Biblioteca Municipal. Entre as tres postais finais gañadoras elixirase unha, que será reproducida e enviada polo Concello como felicitación deste Nadal 2014.

Dende a biblioteca municipal de Foz recordan que as postais deberán estar relacionadas con motivos do Nadal e subliñan que os traballos terán que estar realizados en cartolina, axustada ao tamaño 16x11cm, e levando inscritos no reverso das mesmas os seguintes datos: nome, anos, dirección, teléfono e colexio. Ademais, as postais terán que empregar técnicas coma o debuxo a lapis, os rotuladores, as ceras ou o collage, para permitir unha maior facilidade de reprodución. Os traballos deberán ser entregados antes do 26 de novembro na biblioteca municipal.

En canto aos premios, haberá dous lotes de libros para o primeiro e o segundo clasificados na categoría de Infantil ata 6 anos; un primeiro premio de 40 euros e un libro e un segundo de 25 euros e libro para os mellores na categoría de Infantil de 7 a 10 anos. E xa na categoría Xuvenil de 11 a 16 anos, un premio de 60 euros e libro para o gañador e outro de 40 euros e libro para o segundo clasificado. O xurado poderá declarar deserto calquera destes seis premios se así o considerase oportuno. Entre as tres postais gañadoras, elixirase unha que pasará a ser reproducida e enviada polo Concello de Foz como felicitación oficial deste Nadal 2014. A entrega de premios levarase a cabo na Casa da Cultura focense na data e hora que se farán públicas polo Concello nas vindeiras semanas.