A Casa das Letras de Ribadeo acolle o próximo venres, 7 de agosto, ás 20:30 horas a presentación do libro Louselas (Ribadeo, Lugo). Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica, unha investigación de Eduardo Ramil Rego e Jose Ramil Soneira editado polo Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV), do que o primeiro é director.
A obra recolle datos sobre os inicios das poboacións humanas da rexión cantábrica e en concreto do xacemento de Louselas, en Ribadeo, ubicado preto da desembocadura do Eo. Nesta zona atopáronse un gran número de ferramentas achelenses – da especie Homo Heidelbergensis- que indican unha antigüidade de 450.000 do sitio arqueolóxico. É a primeira vez que se presenta en Galicia unha monografía científica sobre un xacemento do Paleolítico Inferior. As ferramentas encontradas no lugar atribúense a unha fase pouco evolucionada, con escasa representación na Península Ibérica.
A presentación do libro é unha actividade organizada por Mariña Patrimonio, Casa das Letras, A. C. Francisco Lanza e Asociación de Veciños O Tesón.
Eduardo Ramil Rego é licenciado con grao en Xeografía e Historia, especialidade en Prehistoria e Arqueoloxía, Diploma de Estudos Avanzados en Arqueoloxía e Historia da Antigüidade e Doctor en Historia (Prehistoria) pola Universidade de Santiago de Compostela; Máster en Museoloxia e Museos pola Universidade de Alcalá de Henares. Director do Museo de Pehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, responsable de Férvedes. Revista de investigación e membro, entre outros, da Société Préhistorique Française, da Asociación Española de Museólogos do ICMAH (Comité Internacional para Museos y Colecciones de Arqueología e Historia) e do ICOM (Internacional Council of Museums).
A súa liña principal de investigación céntrase na prehistoria antiga do noroeste da península Ibérica, e máis concretamente na caracterización tecnocultural dos últimos cazadores- recolectores. Ten traballado noutros temas que van dende o megalítico ata a época romana, a través do fenómeno da Idade do Ferro, sen esquecer cuestións museolóxicas y museográficas.
É o autor ou coautor de quince libros e numerosos artigos en revistas científicas, nacionais e estranxeiras, así como de varios capítulos de libros e monografías científicas. Participou en varias conferencias a nivel nacional e internacional, formando parte en varios dos seus comités executivos ou científicos. Tamén ten comisariado exposicións temporais de tipo divulgativo e ofrecido conferencias sobre varios aspectos da Prehistoria e Historia de Galicia.