O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o alcalde de Abadín, Xosé María López Rancaño, e a concelleira de Cultura, María Begoña Gaute Verdes, presentaron este venres no Pazo Provincial a XI Feira Expogrelo que se celebra este sábado, no recinto feiral de Gontán. O organismo provincial fai unha achega de 3.000 euros, ao igual que fai con outro medio cento de actividades dirixidas a potenciar os principais sectores produtivos da provincia.
Campos Conde destacou que “colaboramos con esta cita para para fomentar a comercialización e o consumo deste produto, que é un dos motores económicos da zona, poisao redor de 200 produtores comercializan ata 400.000 quilos de grelos, xerando máis de 250 postos de traballo”.
Expogrelo é exemplo dunha cita que, máis aló do seu aspecto lúdico, supón un importante evento de promoción dos produtos autóctonos de calidade cuxa comercialización é capaz de xerar riqueza e postos de traballo na provincia.Nos últimos anos, as vendas deste produto, que conta co distintivo de Indicación Xeográfica Protexida –IXP-, aumentaron un 40% grazas a iniciativas como Expogrelo.
O alcalde quixo agradecer a colaboración prestada pola Deputación ao tempo que convidou aos veciños a coñecer Abadín e a probar o seu grelo mañá sábado.
Programación
As actividades darán comezo ás 9:00 horas coa numeración das cestas de grelos e aapertura o recinto feiral. Ás 12:30 horas terá lugar unha degustación de grelos de Abadín e, finalmente, ás 14:00 horas daranse a coñecer os gañadores dos premios ás mellores cestas. As actividades previstas completaranse con degustacións de pratos elaborados polos locales de restauración da localidade, así como diferentes actuacións musicais.