Aberto o prazo de inscrición na III Media Maratón Ribadeo-As Catedrais, que terá lugar o 10 de setembro.

Aberto o prazo de inscrición na III Media Maratón Ribadeo-As Catedrais, que terá lugar o 10 de setembro.
 
O Concello abriu esta noite o prazo de inscrición na III Media Maratón Ribadeo-As Catedrais, que foi presentada esta tarde.
A proba terá lugar o 10 de setembro con saída ás 17:00 horas das inmediacións Concello. O edil de Deportes, David Rivas, salientou que “este ano adiantouse unha hora o comezo dada a diferenza de chegada entre os primeiros e os últimos participantes para evitar o risco que poida supor correr case de noite pola zona”. O concelleiro nacionalista engadiu: “considerouse a posibilidade de que o percorrido rematase en Ribadeo en vez de nas Catedrais, pero descartámolo porque nos pareceu que perdía parte do encanto e da intención da carreira, que era a posta en valor e a reivindicación das Catedrais como espazo protexido”. O responsable de Deportes tivo palabras de agradecemento “para todas as persoas voluntarias, ás empresas colaboradoras que nos axudan co tema do avituallamento e especialmente a Fisiorelax que agasallará a cada participante cun kit de produtos para a recuperación muscular”.
 
Pola súa banda, o técnico de deportes do Concello, Iván López, salientou que “haberá servizo de gardamochilas, os vestiarios dos dous pavillóns estarán dispoñibles para poder cambiarse neles, na meta contaremos cun servizo de fisioterapeutas, que agradecen moito os corredores, e tamén haberá servizo de autobuses”.
 
O alcalde, Fernando Suárez Barcia, subliñou da Media Maratón Ribadeo-As Catedrais a dureza, a beleza do percorrido e a labor dos voluntarios: “a dureza do percorrido que fai que veña xente de moitísimos sitios, o ano pasado xa foi internacional por participar xente doutras latitudes. En segundo lugar a beleza do percorrido por toda a costa de Ribadeo, lugar de interese comunitario LIC da Rede Natura e por rematar no paradigma das praias máis bonitas do mundo, que é a praia das Catedrais. É un guiño tamén e unha reivindicación da posta en valor e da sostenibilidade do que é a dinamización turística, pero tamén da sostenibilidade medioambiental. E en terceiro lugar tamén salientaría o voluntariado porque este evento nas dúas probas anteriores tivo moi boa acollida, pero porque houbo arredor de duascentas persoas cada unha co seu rol dando avituallamento, organizando o principio ou o final que todos os participantes valoran. Entre todos facemos unha das probas máis potentes de todo o estado”.
 
As inscricións para a carreira poden facerse a través de Internet en www.championchipnorte.com ata o martes 6 de setembro ou nas oficinas das áreas de Deportes e Información Xuvenil do Concello de Ribadeo e na Casa da Xuventude. O prezo é de 3 euros ata o 17 de maio, de 4 euros ata o 25 de xullo e de 5 euros ata o 6 de setembro. Os trofeos e premios en metálico serán para os tres primeiros homes e tres primeiras mulleres, tanto na clasificación absoluta como na de ribadenses. Estes serán de 100 euros, 50 euros e 25 euros non acumulativos.