O pavillón polideportivo da Veiga, en San Ciprián, acollerá este sábado, 1 de outubro, unha xornada dedicada ao baloncesto que inclúe un clinic e un partido que enfrontará aos equipos sénior do Club Deportivo San Ciprián e do Celtas de Foz. As actividades foron presentadas polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares; o responsable da sección de baloncesto do CD San Ciprián, Nacho Mota; e o adestrador do club Juanma López.
Nacho Mota, que tamén é o responsable deportivo da Federación Galega de Baloncesto na Mariña, destacou que para o clinic xa hai máis de 50 inscritos polo que a organización estima que finalmente haberá uns 70 participantes. Será impartido por: Yago Casal, que actualmente adestra no Celta de baloncesto feminino e foi adestrador axudante no Obradoiro CAB, na Liga ACB, director deportivo da Federación Galega de Baloncesto e adestrador do Xuven Cambados en LEB Plata; Carlos Maceiras, que adestrador superior desde 1992, profesor da escola de adestradores da Federación Galega de Baloncesto, dirixiu a varios equipos desde categorías de base ata Liga EBA e foi seleccionador galego en diferentes categorías; e Fernando Buendía, que actualmente adestra ao Maristas da Coruña feminino en Primeira Nacional e foi responsable da canteira do Leyma Basket Coruña, seleccionador galego en varias categorías e profesor da escola de adestradores da Federación Galega de Baloncesto.
O clinic, que empezará ás dez da mañá e rematará ás cinco e media da tarde, está organizado polo CD San Ciprián coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto e do Concello de Cervo. Ás seis da tarde terá lugar a presentación dos equipos de baloncesto de diferentes categorías que ten o CD San Ciprián e ás 19 horas empezará o partido que enfrontará aos equipos sénior do club local e do Celtas de Foz no II Trofeo Concello de Cervo. E a xornada rematará cunha festa na que haberá bolos preñados e empanada a prezos populares, viño de balde e música a cargo de DJ Caixa.
Sobre estas actividades o alcalde de Cervo comentou que “este próximo sábado no noso concello, en concreto en San Ciprián, vai ter lugar un día completo de actividade deportiva dedicada ao baloncesto. Vai empezar ás dez da mañá co primeiro Clinic San Ciprián, que organiza o Club Deportivo San Ciprián na súa sección de baloncesto. Un clinic onde vai haber tres adestradores de renome na nosa comunidade e que vai rematar ás cinco e media da tarde. Ás seis da tarde vai ter lugar a presentación dos distintos equipos que este ano van competir no noso concello, en concreto no Club Deportivo San Ciprián, en baloncesto e ás sete da tarde celebrarase o segundo Trofeo Concello de Cervo que van disputar os equipos sénior de San Ciprián e do Celtas de Foz”.
Alfonso Villares destacou “o traballo que está a facer o Club Deportivo San Ciprián, en concreto as persoas que están nesta sección de baloncesto ao igual que as que están nas outras seccións; un traballo altruísta que ás veces é moi pouco recoñecido, pero que é un traballo importante para que deportes minoritarios como é o baloncesto poidan ter cabida na nosa sociedade. Ademais o baloncesto é un deporte que durante os anos 80 e 90, ao igual que o balonmán, tivo moita presenza en San Ciprián; foron moitos os rapaces que durante eses anos xogaron a estes dous deportes no noso concello. Por iso intentar que o baloncesto volva ter cabida no noso concello dentro das actividades deportivas que se lle presenten aos nosos mozos eu creo que é un factor importante a destacar e que quero agradecerlles a estas persoas que dun xeito altruísta están no Club Deportivo San Ciprián levando adiante este traballo”.
O rexedor municipal rematou anunciando que “desde o Concello de Cervo imos seguir apoiando a este club deportivo e a todas as persoas que teñan esta actitude de deixar parte do seu tempo libre para intentar levar adiante que os nosos rapaces practiquen deporte; e así o faremos coas nosas instalacións, que son múltiples, e tamén a través das distintas axudas, ben sexan económicas ou de persoal, que necesiten. Facémolo porque consideramos desde o Concello de Cervo que é básico que o deporte teña cabida na nosa sociedade, fundamentalmente nos máis novos pero tamén nos que non somos tan novos. Por iso desde o Concello de Cervo seguiremos apoiando a todas as entidades deportivas á hora de levar adiante as súas iniciativas”.