Do 8 ao 11 de decembro celébrase en Ribadeo o XIV Mercado de Nadal. Haberá actuacións musicais, magostos e actividades para as nenas e nenos.

Do 8 ao 11 de decembro celébrase en Ribadeo o XIV Mercado de Nadal. Haberá actuacións musicais, magostos e actividades para as nenas e nenos.
 
A XIV edición do Mercado de Nadal terá lugar do 8 ao 11 de decembro. Diferentes produtos dende cerámica ata alimentación, pasando por pezas de coiro e de xoiería, poderán atoparse nas 25 casetas que estarán situadas na rúa San Francisco e nas inmediacións do parque.
 
Desde o equipo de goberno sinalan que “un ano máis, e xa van catorce, coa chegada da ponte de decembro, Ribadeo celebra o xa tradicional Mercado de Nadal e que de novo, tras o éxito do ano pasado, estará ubicado no mesmo lugar que é na rúa San Francisco e na zona do parque”.
 
Este ano as datas de celebración son desde o xoves, día 8, ao domingo 11, en horario de mañá desde as 11:00 ata ás 14:00 horas, e en horario de tarde a partires das 17:30 ata as 21:00 horas.
 
“Durante estes días os visitantes poderán atopar no Mercado de Nadal diferentes postos de artesanía como poden ser de cerámica, téxtil, alimentación, coiro, xoiería, cervexa artesá, en definitiva o traballo dos artesáns feito coas súas propias mans. Cremos que esta é unha característica importante deste Mercado de Nadal de Ribadeo no que buscamos apoiar e valorizar o traballo dos artesáns”, explican desde o equipo de goberno. 
 
Serán 25 as casetas de madeira “que pola rúa darán un aspecto entrañable e navideño no que, tendo en conta que ademais son datas para moitas compras, entendemos que este Mercado supón un aliciente máis para visitar Ribadeo”. 
 
O equipo de goberno sinala que “dende o Concello consideramos que non soamente son os postos de venda ou a ambientación navideña, senón que tamén apostamos por unha serie de actividades que permitan que o visitante que se achegue a Ribadeo, e tamén os ribadenses evidentemente, poidamos gozar durante estes días de diferentes propostas culturais, como é o caso desde o xoves, 8 de decembro, coa apertura do Mercado de Nadal a media mañá, e un pasarrúas cunha actuación musical a cargo de Amigos da Gaita a partir das 12:00 horas. Durante estes días tamén se está levando a cabo o V Festival de Jazz & Blues de Ribadeo, e na noite do xoves, día 8, a partires das 20:30 horas no Auditorio Municipal tamén se poderá gozar da actuación de Julián Maeso. O venres, 9 de decembro, teremos unha xornada de magosto a cargo de Amigos da Gaita, e a partires das 19:30 horas haberá un pasarrúas musical con Cé Orquestra”. 
 
E seguen a relatar que “o sábado, 10 de decembro, volveremos ter xornada de magosto, pero neste caso a cargo da comisión de Antroido, e a partires das 12:00 horas haberá actividades organizadas pola Chocolateira, que forma parte do programa de innovación social para o emprego, e que durante estes días están levando a cabo unha serie de actividades que tamén as terán no Mercado. Haberá unha actuación de Alesancia e poderemos participar nunha intervención urbana dentro da actividade Tecendo vías solidarias, que estará ubicada no parque. A partires das 17:30 horas na Oficina de Turismo haberá un obradoiro creativo para nen@s de Manualidades de Nadal a cargo da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, e ás 20:30 horas no Auditorio Municipal teremos unha nova actuación dentro do V Festival de Jazz Blues de Ribadeo. Os amantes desta música poderá gozar de Shirley Davis & The Silverbaks. E xa o domingo, día 11 de decembro, ás 12:00 horas no parque de San Fracisco haberá unha actuación musical a cargo de Stranniki”.
 
Desde o equipo de goberno do Concello ribadense engaden: “Ribadeo está cheo de actividades durante todo o ano e tamén durante esta ponte, e xa que estamos nun momento concreto onde a xente se anima a facer as súas compras de Nadal, pensamos que tamén é un bo momento para que mariñáns e veciños e veciñas do Occidente asturiano ademais de vir gozar de todo isto, poidan realizar as súas compras navideñas na nosa vila e no noso comercio. Cremos que o Mercado de Nadal busca dinamizar a actividade comercial da nosa vila, apoiar o comercio local, o pequeno comercio e valorizar o propio. Queremos convidar a todas e a todos a mercar en Ribadeo, a gozar paseando polas nosas rúas e a degustar tamén os produtos que atoparán na nosa hostalería”.
 
E finalmente lembran que “si haberá alumeado  de Nadal en Ribadeo, que é certo que con algo de retraso por algunha serie de problemas técnicos, pero que entendemos que durante a ponte se procederá ao acendido da iluminación destas festas”.