A XIII Mostra de Teatro Afeccionado foi presentada este mediodía na Casa do Concello. Terá lugar os días 4, 5 e 6 deste mes e ofrece como novidade unha representación para os máis novos. A presentación correu a cargo do concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e a viúva de Daniel Cortezón, Matilde González.
O edil nacionalista declarou que “un ano máis volvemos atoparnos co teatro afeccionado en Ribadeo, imos facer teatro todos como público espectador, pero tamén como público que participa porque este ano hai novidades diversas, entre elas poder participar na obra”.
O edil de Cultura salientou que “a Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón vai xa pola súa 13 edición e vai ter lugar esta fin de semana, o venres 4, sábado 5 e domingo, 6 de novembro. Normalmente as obras de teatro son ás 20:30 horas e así ocorrerá o venres 4 e o sábado 5, pero este ano temos unha especial novidade e é que vai haber teatro tamén para cativos e será o domingo, 6 de novembro, ese día a obra de teatro será ás 17:30 horas”.
Farruco Graña informou de que “nesta XIII Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón contamos coa presenza dos grupos de teatro afeccionado Pico do Castro, Tangatutanga e Alentía Teatro. Pico do Castro visitaranos o venres 4 de novembro e representará a obra O consultorio. Pico do Castro xa nos ten deleitado por toda a comarca mariñán coa súa obra De vello gaiteiro e agora toca unha nova obra O consultorio, que será unha comedia onde a consulta dun psiquiatra será o escenario para rir un pouquiño da nosa realidade máis inmediata tratando temas diversos como poden ser a incomunicación familiar, a sexualidade, a soidade, en fin un momento de divertirnos e pasalo ben pero tamén de tomar conciencia dos problemas da sociedade actual”.
O concelleiro de Cultura engadiu que “o sábado 5 visitaranos Tangatutanga Teatro, que vai representar Que deus nos colla confesados, será un cabaret bíblico moi peculiar. O proxecto teatral deste grupo ten unha tradición xa lonxeva nos anos, está desde o ano 2000 facendo representacións e hai un ronsel de ata trinta actores e actrices que colaboran na actividade deste grupo dirixido por Beatriz Bravo. Debemos destacar que esta obra xa foi o segundo premio da I Mostra de Teatro do Concello de Zas”.
Farruco Graña comentou que “o domingo está o aspecto máis novidoso desta XIII edición da Mostra de Teatro Afeccionado, que será a representación que vai levar a cabo o grupo de Palas de Rei Alentía Teatro cunha obra na que poderemos participar todos, dirixida especialmente aos cativos e na que vai haber moita interacción entre os actores e actrices e o público. Alentía Teatro ten xa sobrada experiencia, ten presentado espectáculos nun amplo número de festivais e escenarios da xeografía galega e ademais ten visitado outros países da man de ong´s como Meniños, Solidariedade Internacional ou Amarante”.
O concelleiro de Cultura quixo “animar a todo o mundo a que se achegue ao Cine Teatro esta fin de semana e animemos a todo o mundo a formar parte de grupos de teatro afeccionado porque en Ribadeo tamén hai gran afección ao teatro”
Pola súa banda Matilde González, viúva de Daniel Cortezón, subliñou que “me parece interesantísimo que lleguemos a la décimotercera edición de un teatro aficionado como es este y animo a todo el mundo a que participe como público y también en teatro interactivo”.