O vindeiro luns, 19 de decembro, ábrese o prazo de inscrición para participar no programa Corpo de Muller, do Concello ribadense.
Desde a Concellaría de Igualdade subliñan que “Corpo de Muller é un programa posto en marcha o pasado mes de setembro pola Concellaría de Igualdade, e que se desenvolveu con grande éxito durante este trimestre de 2016. Está dirixido a aquelas mulleres que desexen mellorar a súa utilización corporal cun método de fisioterapia suave, progresivo e activo, a Reeducación postural global”.
Segundo explican desde a Concellaría de Igualdade “este programa conta cunha oferta dirixida a mulleres en varias situacións e ciclos da súa vida”.
Hai catro talleres previstos:
-Taller de reeducación da columna: Unha postura incorrecta fixa ou recorrente supón un gasto enerxético no sistema corporal, para evitar ese desequilibrio outras partes do corpo deben realizar un sobre esforzo, dando lugar a longo prazo ao malestar, cansancio, estrés e accidentes casuais.
-Taller de activación do perineo: É unha liña de traballo que implica o periné nas accións de todo o corpo. Preséntase como unha sesión de ximnasia colectiva, con esta diferenza que todos os movementos son selectos e postos xuntos cun obxectivo constante: introducir varias formas de solicitación do periné.
-Taller de embarazo e movemento: Os cambios no embarazo van máis alá dun aumento do diámetro da barriga: columna, cadeiras, órganos, articulacións e músculos iranse adaptando para albergar o bebé. O movemento adaptado ao embarazo e a cada embarazada en particular ten moitos beneficios.
-Taller de postparto e masaxe Shantala, onde poden acudir se o desexan coas súas crianzas: atenderanse os principais cambios fisiolóxicos que notan as nais durante o postparto, principalmente no solo pélvico (que foi estirado, distendido e pode tamén que esgazado) e na musculatura abdominal que queda distendida e lánguida (acentuándose as alteracións posturais e as dores a nivel lumbar).
O prazo de inscrición estará aberto do 19 ao 23 de decembro. Os talleres desenvolveranse do 9 de xaneiro ao 6 de abril varios días á semana e en varios horario.
Desde a Concellaría de Igualdade sinalan que “se establece unha única cota a modo de matrícula para as alumnas. O prezo público para poder asistir aos diferentes Talleres será o mesmo variando en función do número de horas ás que se anote a interesada (1 hora a semana, 30 euros; dúas horas 50 euros e tres horas á semana 70 euros)”.
As interesadas en acudir a este programa poden obter máis información no Centro de Información ás Mulleres, no teléfono 982 120 739 ou no e-mail cim@ribadeo.org.