Burela acollerá do 16 ao 22 de setembro un amplo programa de actividades dentro da Semana Europea da Mobilidade, que este ano se celebra baixo o lema de Mobilidade intelixente. Economía forte. O evento foi presentado esta mañá no Concello con asistencia do alcalde, Alfredo Llano, a concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, e representantes das firmas colaboradoras. O vindeiro domingo, dái 18, estará pechada ao tráfico a rúa Pardo Bazán, entre Curros Enríquez e Eijo Garay. Nese espazo haberá infinidade de propostas para todos os públicos.
A edil socialista dixo que “ninguén pon en dúbida que as cidades e vilas, no último século, foron deseñadas para facilitar o uso do vehículo privado, pero o uso excesivo do coche trouxo consigo unha serie de problemas: conxestión do tráfico, contaminación, altos niveis de ruído, asociado a unha baixa calidade de vida e elevados efectos nocivos sobre a saúde”.
Noelia Mª Ben subliñou que “a Semana Europea da Mobilidade fai fincapé nestes aspectos e quere facernos considerar o modo no que plantexamos os nosos desprazamentos. Este ano baixo o lema Mobilidade Intelixente. Economía Forte, quere destacar o impacto positivo que unha mobilidade intelixente pode ter sobre a economía. Os beneficios económicos da mobilidade intelixente e sostible afectan tanto ás persoas como ás empresas e á sociedade no seu conxunto. Ademais do importante aforro económico dunha mobilidade sostible e intelixente, o resto dos beneficios xerados tanto sobre o medio ambiente como sobre a saúde tradúcense tamén nun aforro moi elevado nos recursos dedicados a paliar os efectos causados polo abuso do vehículo privado”.
Este ano, ata o día de hoxe, na SEM 2016 hai 1.809 Concellos participantes, dos que 370 son españois e só dous deles de Galicia, que son os de Vigo e Burela. A concelleira de Medio Ambiente e o alcalde lembraron que “o Concello de Burela leva apostando pola mobilidade sostible e participando na SEM cunha semana repreta de actividades dende o 2007, sendo este ano a súa décima edición. De feito este ano fixemos un esforzo para poder ir máis alá e temos dúas novidades moi importantes: un curso sobre condución eficiente, co que todos os participantes comprobarán os beneficios de conducir un vehículo híbrido. E ademais aprenderán a conducir dun xeito eficiente, reducindo o gasto de combustible e o desgaste do vehículo. E a outra novidade é que mercamos un circuíto móbil de educación vial, que estrearemos nesta SEM, e que nos permitirá facer máis fincapé na importancia da seguridade vial, e que se usará para fomentar a educación vial no noso concello non só na SEM senón ao longo de todo o ano”.
O programa de actividades desenvolverase do 16 ao 22 de setembro e inclúe circuíto de educación vial e de karts, talleres de cociña para os máis pequen@s, cursos de condución eficiente, talleres de pintacaras e globoflexia, exhibicións de ximnasia rítmica e de baile de salón, talleres como A túa bici a punto ou Xoguetes con materiais da natureza, xogos de auga, xogos populares, mesas informativas, hinchables, actuacións musicais e charlas.
O domingo, 18 de setembro, de 9 da mañá a 22:00 horas permanecerá pechada ao tráfico a rúa Pardo Bazán entre as interseccións das rúas Curros Enríquez e Eijo Garay, e nese espazo levaranse adiante moitas actividades para todos os públicos.
Llano e Ben agradecen “a todos os colaboradores e asistentes a súa participación na SEM 2016 e convidamos a todos os bureleses a gozar activamente dela”.