Do 16 ao 18 de setembro celébrase a tradicional Romaría de Santa Eufemia no burgo de Trasbar, en Cervo. Haberá misas, procesión, alfombra floral e verbenas.

Do 16 ao 18 de setembro celébrase a tradicional Romaría de Santa Eufemia no burgo de Trasbar, en Cervo. Haberá misas, procesión, alfombra floral e verbenas.
 
Xa moi preto dos días da festa, os veciños de Trasbar traballan esta semana nos preparativos para a alfombra floral. Estarán todas as tardes, de luns a mércores, a partir das 16.00 h, no local social cortando no verde e tinguindo o sal e o serrín para confeccionar a alfombra.
 
Dende o colectivo veciñal, agradecen toda a axuda relacionada coa confección da alfombra: dende voluntarios para cortar o verde, para debuxala, para facela, como as achegas de flores para que isto sexa posible. “Toda aquela xente que nos queira axudar, tanto nos preparativos como na elaboración da alfombra, será ben recibida, xa que é moito o traballo que hai que facer”.
 
Programa
Os actos comezarán o venres 16 de setembro, coincidindo coa festividade oficial, celebrarase a romaría da Santa Eufemia. O programa inclúe unha misa ás 13.00h. Ao remate da misa, todos os devotos que queiran poden achegarse a poñer a Santa. De seguido, terá lugar a actuación do grupo Saíñas, de Xove, cortesía do programa Musiqueando da Deputación provincial. Ás 17.00 h, peregrinación á capela da Santa Eufemia e, pola noite, verbena con OcaBand.
 
O sábado, ás sete da mañá, comezarán coa elaboración da alfombra floral. A misa será ás 13.30h, cantada polo coro de Cervo, seguida da procesión e sesión vermú. Xa pola noite, as orquestras Ceniza e Samba serán as encargadas da verbena. Logo de rematar o baile, haberá caldo de balde.
 
O domingo a misa será ás 13.30h, cantada polo coro de Cervo, seguida da procesión e a sesión vermú a cargo do dúo Merengue, dando por rematado así o programa festivo deste ano.