Clave de Fado ofrecerá un concerto este venres, 13 de maio, no auditorio da Casa da Cultura. O grupo presentará "Xanelas", un disco con versións de grandes temas da música galega e portuguesa e outros propios.

Clave de Fado ofrecerá un concerto este venres, 13 de maio, no auditorio da Casa da Cultura. O grupo presentará "Xanelas", un disco con versións de grandes temas da música galega e portuguesa e outros propios.
 
O auditorio da Casa da Cultura acollerá mañá, venres, un concerto de Clave de Fado. Será a partir das 21 horas. Está organizado pola Concellería de Cultura, en colaboración coa Xunta, a Rede de Teatros e Auditorios e Agadic. 
 
Clave de Fado, fundado por Iria Estévez, Gonzo Piña e Pepe Piña, naceu a finais do 2009 como grupo de versións. O proxecto, deseñado pola súa vocalista, Iria Estévez, estaba orientado orixinalmente, á creación de versións de grandes temas da música galega e portuguesa partindo do fado, aportando unha visión nova sobre a música portuguesa por excelencia, o Fado.
 
O proxecto foi medrando, incluíndo outros estilos musicais, ampliando repertorio e conseguindo así un bo diálogo entre diferentes estilos, todos de moi diversa orixe, pero coa lusofonía como motor principal. Con estes obxectivos claros e unha sonoridade moi particular, Clave de Fado consegue concerto, tras concerto, atraela atención do público, un público cada vez máis numeroso. Acadando un éxito tras outro nas súas presentacións, Clave de Fado comeza a compoñer temas propios, dándose a coñecer no mundo da cultura galega.
 
Pasan os anos e o grupo, animado pola gran resposta que está a ter a tódolos niveis, decide dar un paso máis e a principios do 2014 únese a eles un novo membro , Paco Dicenta, un recoñecido músico multidisciplinar, que aportará a Clave de Fado a sabedoría  dun músico consagrado e cun gusto exquisito.
 
Coa formación ben consolidada, Clave de Fado proponse un reto: gravar o seu primeiro disco. O resultado é Xanelas, un disco completo, composto de versións de grandes temas da música galega e portuguesa e temas propios ( fados galegos, bossas fadeiras, cantiga galega afadistada...), para o que contaron  ademais coa participación de Uxía  Senlle,  Isaac Garabatos, Sapoconcho, David Outumuro e Dani López.
 
Trala gravación do disco, un  dos co-fundadores, Pepe Piña, decide deixala formación para dedicarse ao seu proxecto persoal, e pasa a formar parte do grupo o recoñecido compositor e guitarrista Isaac Garabatos, que co seu estilo virtuoso e moi actual , contribúe a lograr o obxectivo do grupo: conseguir un son propio, único.
 
Clave de Fado actualmente está a recibir moi boas críticas, referidas tanto aos seus directos como ao seu disco, Xanelas. Sen dúbida, trátase dunha proposta atractiva e nova, que achega luz ás novas formas de entender o fado, a música do destino.