A programación cultural para as vindeiras semanas en Foz ofrece unha actividade moi variada, dende teatro afeccionado a espectáculos benéficos pasando polos festivais de Nadal propios destas datas. A concelleira de Cultura focense, Silvia Blach, detallou esta mañá a axenda cultural do municipio ata o día 19 de decembro.
“O sábado, día 5 de decembro, temos coa organización de A Subela e o Concello de Foz un festival benéfico, de Anxo Moure, no que se vai falar dun tema para rapaces moi interesante: O Apalpador. É un concerto no que non cobramos entrada pero si pedimos que a xente traia un alimento non perecedoiro para colaborar co Banco de Alimentos de Foz”, explicou a concelleira. Será na Sala Bahía ás seis da tarde.
“O día 10 temos Cinema no Cenima. Será a última película deste ano, Meu deus, pero que che fixemos. Coma sempre cobramos 3 euros na taquilla, que abre ás 20 horas e ás 20:30 comezamos coa reprodución da película. O venres 11 teremos no ciclo de Teatro de Outono unha representación en Marzán, co grupo Axóuxeres. Será ás 21:30 horas e vai ser moi interesante asistir a este evento”, continuou a edil.
O Nadal chama ás portas e serán varios os festivais con esta temática que se desenvolverán nas próximas datas en Foz: “o sábado 12 comezamos xa cos festivais de Nadal, empezamos co Festival en Beneficio do Asilo, que será as 18:30 horas. Imos ter moitas colaboracións neste espectáculo benéfico a favor do asilo de anciáns, para que pasen un mellor Nadal. O día 18, venres, temos o Festival de Nadal na Escola de Música. Os rapaces prepararán un concerto onde nos van cantar e deleitar, seguro, con todo o que fan. Vai ser ás 20:30 horas na igrexa parroquial de Foz. O sábado 19 celebrarase o XIII Encontro de Canto Coral na Sala Bahía en Foz. Empezará ás 18:30 horas e teremos a actuación de todos os coros e grupos de Foz cantando panxoliñas e cancións dedicadas ao Nadal”, concluíu Silvia Blach.