Cinco novos músicos debutarán coa banda municipal de Ribadeo no concerto de Santa Cilla, que se celebrará este sábado, día 22, ás 20:30 horas no Cine Teatro. O director da Banda de Música Municipal de Ribadeo, David Ballester Martínez, anunciou que “este sábado, día 22 de novembro, que é xusto o día da patroa dos músicos, Santa Cilla, vai ter lugar o concerto na súa honra por parte da Banda Municipal de Música de Ribadeo no Cine Teatro ás oito e media da tarde. Este ano, como novidade, a xente pode ver polas rúas que os carteis que anuncian o concerto inclúen un dos debuxos feitos por rapaces dos colexios de Ribadeo”. Nesta ocasión o debuxo elixido é o realizado por Estela Bravo Montero, alumna de sexto de Primaria do colexio Gregorio Sanz.
David Ballester engadiu que “como case todos os anos facemos neste concerto, xa que é dedicado á patroa dos músicos, é imprescindible que algúns dos compoñentes da banda actúen como solistas. Este ano serán José Luis Pulpeiro, coa trompa, e Alba González, interpretando unha obra para frauta e banda. E tamén como case todos os anos aproveitamos esta data para que a banda se faga un pouquiño máis grande e nesta ocasión vamos ter a sorte de que van formar parte da banda 5 novos compoñentes”. Os músicos que debutarán son Carmen, Carolina, Cris, Gonzalo e María. Para rematar o director da Banda de Música Municipal de Ribadeo comentou: “esperamos que sexa do agrado do público o concerto que temos preparado e animo a toda a xente a que acuda ao Cine Teatro este sábado 22 ás oito e media da tarde”.