Ata o 10 de setembro pódese visitar na Omic, en Ribadeo, unha exposición conmemorativa do 60º aniversario da Coral Polifónica da vila.

Ata o 10 de setembro pódese visitar na Omic, en Ribadeo, unha exposición conmemorativa do 60º aniversario da Coral Polifónica da vila.
 
Unha mostra inaugurada hoxe na Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) percorre os 60 anos de historia da Coral Polifónica de Ribadeo, a través dun conxunto de imaxes, recortes de prensa e carteis, entre outros materiais.A exposición foi inaugurada polo concelleiro de Cultura de Ribadeo, Farruco Graña, o comisario da mesma, Diego Rodríguez, e a directora da Coral, Mari Carmen Rodríguez. Estará aberta ata o 10 de setembro. 
O edil de Cultural felicitou á formación e recalcou o feito de que os seus 60 anos ofrecen unha perspectiva histórica dunha vila profundamente ligada á música: “quedei impresionado mirando as fotografías porque 60 anos xa dan perspectivas histórica e vital. De feito, mirando uns dos cadros, dixen: ‘que fai aquí Carmen?’ Pero non estaba pensando en Carmen Rodríguez, a directora, senón na súa filla.  É unha boa ocasión para ver estas fotografías de hai 40 ou 50 anos e ver como imos vendo reflectidos os nosos froitos, como imos vendo en nós mesmos aos nosos fillos e fillas. É o reflexo dunha actividade continuada que marca unha pegada, unha pegada de carácter musical nun Ribadeo sempre amante da música”. 
Farruco Graña felicitou á Coral polo seu logro e tivo palabras de agradecemento para todos aqueles que ao longo dos anos estiveron vinculados á formación: “dende o Concello de Ribadeo, no nome de toda a Corporación Municipal, felicitamos a Carmen como directora, expoñente, proa visible desta Coral Polifónica e tamén a todas as persoas que ben son agora membros da Coral Polifónica ou o foron no seu momento. Temos tamén unha lembranza para todas aquelas persoas que xa non están connosco, pero que fixeron posible este proxecto musical”.
A recollida do material exposto na Omic é en boa medida froito do traballo de Gracia Martín Zapata, coralista e arquiveira do grupo: “o obxectivo que perseguimos é facer un breve percorrido por estes 60 anos da historia da Coral. Aínda que incluímos material dende o primeiro concerto inaugural, dende 1955, quixemos facer fincapé nos últimos dez anos, na historia máis recente, porque foi o material que non se recolleu noutras exposicións anteriores”, segundo explicou Diego Rodríguez, comisario da mostra.
Mari Carmen Rodríguez, directora da Coral Polifónica de Ribadeo, reivindicou o altruísmo e o bo facer que permitiron á formación celebrar o seu 60 aniversario e animou aos veciños a participar e integrarse na Coral para garantir o seu futuro: “todo o que hai aquí e os 60 anos da Coral son froito de máis de  250 persoas que ao longo destes 60 anos pertenceron a ela.  É un traballo arduo, pero sen xente altruísta que poña parte do seu tempo libre e do seu bo facer ningunha sociedade levaría o paso adiante nin podería contar con tantos anos”.