As Escolas Deportivas Municipais de Foz presentan mañá, mércores, ás 18 horas na Casa da Cultura de Foz, coa presenza do alcalde, Javier Jorge Castiñeira, as súas actividades para a vindeira temporada, que comeza o vindeiro luns, 28 de setembro. As disciplinas, sete en total, van dirixidas a nenos e nenas nados a partir do 2000 ata o 2012. O prazo de inscrición está aberto.
Os nenos nados en 2011 e 2012 tamén teñen unha actividade específica para eles, os Pequexogos, que se desenvolverán na Sala Bahía, de 16:15 a 17:15 horas os mércores e os xoves de 18 horas a 19 horas. Con ela quere facilitarse a relación con outros nenos e a aprendizaxe de valores de xogos, así como a iniciación para a práctica de futuros deportes.
Para o resto dos cativos as actividades son as seguintes: skate/BMX, os xoves ás 18 horas no Ceip Nº1; teatro, os mércores ás 17:40 horas na Sala Bahía; multideporte, os mércores ou venres, ás 18 horas no Ceip O Cantel; patinaxe artística, os luns a partir das 18 horas en tres grupos no Ceip O Cantel; ximnasia rítmica, os venres ás 17:30 horas no Ceip Nº1; obradoiro de cerámica, os martes ás 17:30 horas no Centro Social; e zumba e aeróbic xuvenil, os venres ás 19 horas no Centro Social. No caso do skate/BMX, os nenos nenas terán que traer o seu skate ou bicicleta máis as súas proteccións. Para o pádel e o tenis, cada alumno deberá levar a súa pala ou raqueta. No caso do pádel, os días que chova haberá a posibilidade de ir a Burela ás pistas do Activity Center.
As disciplinas impartiranse dende o luns 28 de setembro até o 27 de maio. O custe será de 15 euros mensuais por actividade, ou 17 por mes por dúas ou máis. As familias numerosas teñen un desconto de 50%.
As fichas de inscrición entregaranse na Casa da Xuventude e aos monitores correspondentes. As cotas de inscrición emitiranse mes a mes. En tódalas actividades existe un número máximo de prazas que aseguren o correcto funcionamento dos grupos, así como un número mínimo para poder levalas a cabo, de oito persoas. Aqueles que causen baixa deberán presentar por escrito no rexistro de entrada do Concello a correspondente solicitude. A devandita solicitude deberá realizarse antes do último día laborable do mes en curso e terá efecto no mes natural seguinte á data na que se presente o escrito. A todos os inscritos no Deporte Escolar proporcionaráselles un seguro individual de accidentes da Xunta de Galicia. O primeiro día de cada actividade deberán presentarse tódolos inscritos na mesma para o reparto de grupos e categorías.
Ademais ao longo do curso programaranse outras actividades, como unha excursión a unha pista de xeo, outra de minisendeirismo ou unha viaxe ao parque acuático de Cerceda.
O prazo de inscrición nas disciplinas que ofrecen as Escolas Deportivas está aberto. Para máis información e inscrición os interesados deben dirixirse á Casa da Xuventude ou chamar ao teléfono 982.13.30.37.