Alfoz acolle este sábado, 13 de agosto, o I Maratón de pintura ao aire libre que comezará ás 10:00 horas e prolongarase ata as 18:00 horas.
Poderán participar todos os pintores que o desexen con independencia da súa nacionalidade, residencia e idade. Haberá unha categoría infantil ata 16 anos e outra senior. A temática será referida ao concello de Alfoz podendo reproducir calquera motivo, monumento ou paisaxe do termo municipal. A técnica e as medidas dos traballos serán libres e o material utilizado que terá que aportar o participante, poderá ser calquera tipo de soporte (lenzo, papel, cartón,…) con fondo branco.
Os participantes deberán inscribirse no Castelo do Castrodouro a través do correo electrónico turismo@concelloalfoz.com, ou de forma presencial o mesmo día do maratón entre as 9:00 e as 11:00 horas.
Os traballos serán entregados as 18:00 horas no Castelo do Castrodouro, ás 19:00 horas darase lectura ao fallo do xurado e posteriormente procederase á entrega de premios. Os traballos permanecerán expostos no Castelo do Castrodouro ata o 31 de agosto.
O xurado do concurso estará formado por Miguel Angel Martínez Coello, quen actuará de presidente, e por Pilar Casabella, Xosé Blanco e Hipólito Xeada, que actuarán de vogais.
Establecéronse os seguintes premios segundo a categoría:
Categoría Sénior:
1º Premio: 100 € + Trofeo + Libro asinado por Miguel Angel Martínez Coello
2º Premio: Trofeo + Maletín de pintura
3º Premio: Trofeo Libro asinado por Martínez Coello
Premio ao pintor local: Trofeo + Maletín de pintura
Categoría Infantil:
1º Premio: 50 € + Trofeo + Libro asinado por Miguel Angel Martínez Coello
2º Premio: Trofeo + Maletín de pintura Infantil
3º Premio Trofeo + Libro asinado por Martínez Coello
Premio ao pintor local: Trofeo + Maletín de pintura Infantil
Todos os participantes recibirán un diploma acreditativo da participación no maratón.
A Área de Cultura e Turismo Concello de Alfoz, organizadora do evento, convida a todos os veciños e visitantes a participar nesta iniciativa, a cal “ten un dobre obxectivo, por unha parte promover a practica da pintura e por outro lado que os participantes observen as marabillosas paisaxes e monumentos do noso concello”, apunta Xabier Pardiñas, tenente alcalde de Alfoz.