A XX Festa da Tortilla de Celeiro de Mariñaos celebrarase os días 14 e 15 de agosto. Haberá torrezmada, chourizada, moita música e o tradicional baile do faroliño.

A XX Festa da Tortilla de Celeiro de Mariñaos celebrarase os días 14 e 15 de agosto. Haberá torrezmada, chourizada, moita música e o tradicional baile do faroliño.
 
Un ano máis, as festas de San Caetano da parroquia barreirense de Celeiro de Mariñaos acollen a Festa da Tortilla, que nesta edición chega aos 20 anos de historia.  O evento celebrarase o venres 14 e o sábado 15.
A festa comeza o día 14 ás 9 da noite cunha torrezmada e chourizada amenizada polo grupo de música tradicional Os do Pilón, de Arzúa. Actuarán tamén esa noite Os Parentes, grupo de música popular de Sober e o grupo Agua Marina, de Viveiro, encargados da verbena.
O sábado 15 ás 12 da mañá presentaranse as tortillas para o concurso. Ás 13 horas oficiarase na capela a misa coa procesión e despois será a sesión vermú a cargo da Charanga Compostela. Pola tarde será a quenda dos xogos tradicionais e do espectáculo infantil A Titiricicleta, de Anxo Mouro. Ás 8 da tarde terá lugar o concurso máster de tortilla no campo da festa. Concursarán un máximo de 6 parellas, que deben inscribirse ata o día anterior contactando coa organización. Os concursantes deberán aportar tixola e utensilios, mentres que a organización aportará os ingredientes e os fogóns. O primeiro premio será para a tortilla de mellor sabor e o segundo para a tortilla feita en menos tempo.
Xa o sábado pola noite a protagonista será a Gran Queimada elaborada por Mon Queimadas. A verbena correrá a cargo de Agua Marina. E coma xa é tradición no San Caetano de madrugada terá lugar o tradicional baile do faroliño. Ao rematar a festa haberá unha gran chocolatada. 
A Festa da Tortilla está organizada pola Irmandade de San Caetano, de Celeiro de Mariñaos, que conta coa colaboración do Concello de Barreiros, da Deputación de Lugo, a través da Área de Cultura e Turismo, Gadis e ASoalta.