A Xunta pon en marcha o 1 de xullo as medidas de protección da praia das Catedrais para o verán, reforzando o persoal e regulando o acceso.

A Xunta pon en marcha o 1 de xullo as medidas de protección da praia das Catedrais para o verán, reforzando o persoal e regulando o acceso.
 
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio pon en marcha este venres as medidas de protección da praia das Catedrais para o verán, reforzando o persoal e regulando o acceso co fin de preservar e conservar o espazo natural e fomentar un turismo sostible.
 
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, lembrou hoxe que estas medidas estarán en vigor  ata o 30 de setembro e dan continuidade ao Plan de conservación do monumento natural que se aprobou en xuño do ano pasado. O plan establece unha afluencia máxima ao areal de 4.812 persoas diarias en tempada alta aínda que poden visitarse libremente as demais áreas habilitadas para o uso público: sendeiro, miradoiro e  área de descanso.
 
Arias sinalou que a limitación “permite dar solución aos problemas de saturación do espazo e mellora a percepción dos visitantes do monumento natural” e destacou que “existen diversas vías para conseguir a autorización e todas son instantáneas e sinxelas”.
 
A autorización para o acceso á zona do areal conséguese de xeito telemático, na páxina web habilitada para este fin: https://ascatedrais.xunta.es. A reserva pode realizarse cun máximo de 30 días de antelación á data prevista de visita. Unha mesma persoa pode solicitar autorización para un máximo de 30 visitantes.
 
Ademais de esta autorización vía web, poden ter acceso automático ao areal os usuarios dos trens turísticos habilitados por Turismo de Galicia e Renfe, os do autobús que fai a liña entre Ribadeo e As Catedrais, e os  dos taxis de Ribadeo. Tamén se reservan pases nos establecementos hoteleiros desta última localidade e nas oficinas de turismo.
 
Xunto coa autorización é posible reservar unha visita guiada polo monumento, xa que a Xunta pon a disposición dos usuarios un servizo de guía e divulgación ambiental. Dúas persoas encargaranse das visitas guiadas ofrecendo información sobre os valores ambientais, fauna, flora e xeoloxía. Estas visitas realízanse para un grupo de 25 persoas, cunha duración aproximada de 30 minutos.
 
Igualmente, a Xunta reforza o persoal de apoio no monumento natural, destinando traballadores a actuacións de ordenación do uso público e de información das áreas de aparcamento. Este persoal resolverá, entre outras cuestións, calquera dúbida que poida xurdir en relación cos pases de acceso.
 
O sistema xa funcionou o verán pasado, no que se recibiron preto de 240.000 visitantes. Dentro dos tres meses no que estivo vixente, a cota de 4.812 visitantes só se completou en 14 días, todos eles en agosto. Tamén estivo operativo durante a pasada Semana Santa.
 
Raquel Arias lembrou que dende que se puxo en macha o Plan de conservación “conseguíronse distintos avances como habilitar un sendeiro para evitar que os visitantes empregaran a estrada; colocar bolardos; instalar sinais de perigo; ou poñer valados nos puntos de maior perigo”. En total, o investimento nestas actuacións ascendeu a 130.000 euros, aos que se suma o orzamento para o persoal destinado no monumento nos períodos de elevada demanda (Semana Santa e época estival).
 
A praia das Catedrais é o reclamo principal dunha zona excepcional con moitos atractivos que ofrecer aos visitantes, xa que o monumento intégrase nunha Zona de Especial Conservación (ZEC) e na área núcleo da Reserva da biosfera do Río Eo, Oscos e Terra de Burón. Ademais, está catalogada como Punto de Interese Xeolóxico (PIX).