O 24 de outubro ás 20:30 horas no Auditorio Hernán Naval e cunha entrada de 3 euros, a prestixiosa pianista arxentina Dora de Marinis ofrecerá un novo concerto no ciclo Músicas posíbeis. A artista, que está de xira por Europa, trae un repertorio con Chopin e Beethoven na primeira parte e cos compositores arxentinos Julián Aguirre e Alberto Ginastera na segunda.
A dilatada carreira artística de Dora de Marinis inclúe tanto os seus concertos como solista e música de cámara como un amplo traballo pedagóxico e de recuperación do legado de compositores arxentinos esquecidos. Dun xeito autodidacta, as súas investigacións convértena nunha das maiores expertas en música latinoamericana do continente.
O concerto de Ribadeo forma parte da xira do outono de 2015 da pianista que a levou e a levará a cidades como Barcelona, Rhodas, Roma, Limoges, Nueva Jersey ou New York, entre outras.