A parroquia de Santo Tomé (O Valadouro) organiza a súa tradicional rapa das bestas, que terá lugar o 2 de agosto.

A parroquia de Santo Tomé (O Valadouro) organiza a súa tradicional rapa das bestas, que terá lugar o 2 de agosto.
 
O día 2 de agosto a parroquia valadourense de Santo Tomé organiza un ano máis a súa tradicional Rapa das Bestas, unha cita na que ademais da marcaxe e corte das crinas dos cabalos haberá tempo para os xogos populares, as competicións e a feira de gando. 
A festa comeza o domingo ás primeiras horas da mañá, coa baixada dos cabalos ao curro de Santo Tomé. Ás 11 horas os animais xa estarán no recinto para comezar coa imaxe máis vistosa do día, a marcaxe dos animais e o corte das crinas. Para última hora da mañá está programada a pelexa dos garañóns. Durante toda a xornada haberá feira de gando cabalar e vacún.
A programación do día continúa con propostas como a dunha carreira popular, tiro á corda e arrolamento de rolos. Os que desexen participar nestes xogos terán que apuntarse entre as 12 e as 16 horas.
Tamén pola tarde celebraranse concursos de cabalos do país e cabalos cruzados, competicións para as que haberá premios de 90, 60 e 30 euros máis trofeo para o 1º, 2º e 3º  clasificados, respectivamente.  A popular carreira de burros recoñecerá cun premio de 50 euros ao gañador e un trofeo para o segundo. Os participantes do tiro á corda e do arrolamento de rolos optarán a dous premios de 50 euros na categoría de adultos. 
Durante a festa sortearanse 300 euros no curro até que apareza o número premiado. O fin de festa chegará coa entrega dos premios aos gañadores nos múltiples concursos da xornada.