A orquestra A Gramola presentarase en Ribadeo esta fin de semana durante a III Festa Indiana. Creada para este evento, esta formación musical está integrada por 35 membros con idades desde os 9 aos 67 anos e ofrecerá un concerto o sábado, día 9 de xullo, ás 13:30 horas na rúa San Roque.
O seu director, Marcos Rodríguez, manifesta que “é un proxecto en común de varias persoas, entre elas a máis importante, non soamente sentimentalmente senón profesionalmente, é Olaia Canoura, profesora de violín. É un proxecto que puxemos a andar para a creación dunha orquestra para participar na Festa Indiana de Ribadeo”.
Marcos Rodríguez explica que “o motivo de crear esta orquestra é facer un pouco máis próximos os instrumentos de corda, que están un pouco encasillados na música clásica. Facer ver á xente en xeral e aos propios cativos, aos propios alumnos deses instrumentos, que se poden facer outras cousas moi interesantes, non soamente o que se ten establecido cara a eses instrumentos”.
O director de A Gramola detalla que “somos 35 persoas, hai nenos desde os 9 anos ata persoas de 67 anos. É unha agrupación aberta e a motivación que lles demos foi facer outro tipo de programa e participar na Festa Indiana de Ribadeo dunha forma activa. Por iso estamos moi contentos porque non soamente quedou no noso pobo, collemos xente doutros sitios de A Mariña, de Lugo, de Melide, Barres e de Figueras, que se animaron a participar e estamos moi contentos”.
Marcos Rodríguez comenta que “o tipo de repertorio que ten a orquestra é variado, pero un pouco acorde coa temática da festa; hai boleros, cha-cha-chás, habaneras, …. Todos estes temas son arranxados para a orquestra porque a formación é clásica nos instrumentos e non están pensados para tocar boleros e cha-cha-chás, polo que tivemos que arranxalos un pouquiño. Son moitos temas coñecidos, case todos practicamente, dous en concreto estamos moi contentos de que nos deixaran facer o arranxo para eles porque son dunha persoa de Ribadeo xa falecida, Antonio López García, máis coñecido como O Marmolista. Compoñía para a coral e nós, co permiso da súa dona e da súa familia, arranxámolos para a orquestra. Estamos dobremente felices porque a concertino da orquestra é neta de Antonio López”.
Finalmente o director da orquestra A Gramola asegura que “en principio é un proxecto curto porque xuntar a tanta xente así, sobre todo de fóra, é difícil. Non deixa de ser un proxecto persoal; iso si, con axuda de moitas persoas detrás. Primeiro dos pais; do Concello de Ribadeo, con Mari Luz Álvarez Lastra; a Escola Municipal de Música de Ribadeo, que nos cedeu os locais; Hugo e profesores como Dolores, que é de acordeón; e os músicos, pola implicación que tiveron neste proxecto”.