O 12 de setembro celebrarase a II Media Maratón Ribadeo-As Catedrais. O evento foi presentado este mediodía no salón de plenos do Concello polo alcalde, Fernando Suárez, e polo concelleiro de Deportes, David Rivas. A inscrición ábrese ás doce desta noite.
O rexedor dixo que “despois desta experiencia tan marabillosa que tivemos o ano pasado na primeira edición desta sorprendente proba deportiva, que se realizou aquí en setembro coa que intentamos conxugar o deporte, o espírito deportivo, o esforzo, pero tamén a reivindicación do noso patrimonio natural, que temos afortunadamente aquí, en Ribadeo, tanto na propia praia das Catedrais en si, algo visitado por centos de miles de persoas de todo o mundo, como tamén nun litoral que escapou ás gadoupas daquela burbulla inmobiliaria que tanto mal fixo en sitios ben próximos ao noso, pero que afortunadamente aquí temos un patrimonio natural moi ben conservado e queremos precisamente facer gala diso”.
Suárez Barcia sinalou que “o deporte, aparte de ser un valor en si, tamén o é económico. Non é gratuíto que o ano pasado se inscribiran practicamente un milleiro de persoas e confiamos en que este ano veña moita xente tamén, dado que espertou un enorme interese esta media maratón, 21 quilómetros por lugares descoñecidos para moita xente, incluso de Ribadeo, aproveitando este carreiro que o Ministerio de Medio Ambiente, co apoio e a participación moi activa do Concello de Ribadeo á hora de poñer os terreos e buscar os camiños. Practicamente toda esta carreira vai por sitios paradisíacos, marabillosos, pola costa de Ribadeo, desde a vila pasando por as parroquias de Piñeira, Vilaselán, Rinlo e A Devesa, ata chegar á coñecida Augas Santas ou As Catedrais”.
O alcalde considera que “así que seremos outra vez un referente conxugando deporte, protección, reivindicación do patrimonio natural e tamén un guiño a que As Catedrais é moi importante para nós, pero tamén o é todo o litoral. E precisamente os deportistas de aquí, da comarca ou de moi lonxe, como o ano pasado, quedarán marabillados ao ver que Ribadeo ten moito máis que As Catedrais. Polo tanto confiamos en que a xente acuda en masa, como fixo o ano anterior”.
O concelleir de Deportes manifestou que “a carreira este ano, igual que o ano pasado, desenvólvese nun marco incomparable, como é o litoral ribadense, que as persoas participantes gozarán, sen ningunha dúbida. Proba disto é o enorme interese que desde hai unhas semanas está habendo por participantes da primeira edición, que están a contactar co Concello, por correo electrónico ou por facebook, para preguntar pola apertura de inscricións. Esta expectación augura outro éxito de participación, como xa foi o ano pasado, con 950 inscritos”.
David Rivas dixo que “con respecto á primeira edición a carreira deste ano mellora en canto á distancia a percorrer, xa que o ano pasado faltábanlle algo máis de 500 metros para ser unha media maratón real, polo que houbo atletas que se queixaron porque non lles servía de moito a marca que facían para comparala con outras probas similares e levar un control dos progresos. Así que decidimos modificar sutilmente o trazado na primeira fase, no casco urbano, para que este ano si teña a distancia oficial de 21.097 metros”.
O edil nacionalista contou que “se barallou a posibilidade de que a liña de meta estivese situada na mesma area da praia das Catedrais e así facela aínda máis espectacular e simbólica, pero desbotamos esta idea pola perigosidade que suporía que os últimos metros de carreira fosen na baixada de escaleiras á praia, xa que pensamos que isto podería causar algún accidente”.
Sobre os premios explicou que “haberá premios en metálico para cada categoría máis medallas para os tres primeiros clasificados por categoría. O prazo de inscrición empeza hoxe ás doce da noite e acaba o 8 de setembro, tamén ás doce da noite. Ata o día 14 de agosto hai un prezo de inscrición reducido, de 3 euros, e a partir do 15 de agosto ata o 8 de setembro son 5 euros por participante. Dentro deste prezo simbólico de inscrición inclúese unha camiseta conmemorativa de agasallo, como xa se fixo o ano pasado”.
Pódese consultar toda a información referente a esta media maratón na páxina web mediamaratonascatedrais.ribadeo.org e tamén calquera dúbida ou pregunta pode formularse no correo electrónico deportes@ribadeo.org.
O alcalde e o concelleiro de Deportes animaron á participación “pensamos que é unha carreira que non deixará indiferente a ningunha persoa que se anime a correla”. No acto de presentación tamén participou o técnico municipal de Deportes, Iván López.