A Escola Municipal de Música de Burela organiza varios obradoiros que se levarán a cabo dende o mes de febreiro ata final de curso. As presentacións terán lugar mañá, 27 de xaneiro.
Segundo explica Xan Carballal “estes obradoiros están dedicados a todos os nenos/as a partir de 8 anos, que estean interesados en coñecer os instrumentos de vento madeira, tales coma o saxo e o clarinete, ou calquera especialidade da familia de vento metal, como por exemplo trompeta, trompa, tuba, trombón, etc”.
O director da Escola indicou que “os asistentes terán a oportunidade de poder utilizar o instrumental do que dispón a Escola de Música, e participar dos obradoiros ofertados de balde”.
Para inscribirse en ditos obradoiros terán que cumprimentar a folla de inscrición e entregala ao mestre correspondente o primeiro día dos obradoiros, que comezarán: o mércores, 3 de febreiro, para vento metal, e o xoves, 4 de febreiro, para vento madeira.
A presentación do obradoiro de instrumentos de vento metal, clarinete e saxofón, destinado a rapaces e rapazas dos cursos de 4º, 5º e 6º de primaria, terá lugar mañá, 27 de xaneiro, no colexio Virxe do Carme ás 11:00 horas e no colexio Vista Alegre ás 12:30 horas.
O 3 de febreiro iniciarase o obradoiro de iniciación aos instrumentos de vento metal, que se impartirá os mércores de 20 a 21 horas. O 4 de febreiro será a quenda para a iniciación a clarinete, que se impartirá os xoves de 15:30 a 16:30 horas e para a iniciación ao saxofón, que será os xoves de 21 a 22 horas.