A Banda Municipal de Ribadeo ofrecerá un concerto solidario a favor da asociación A Mariña-Cogami. Será o vindeiro domingo, 3 de xaneiro, no Cine Teatro.

A Banda Municipal de Ribadeo ofrecerá un concerto solidario a favor da asociación A Mariña-Cogami. Será o vindeiro domingo, 3 de xaneiro, no Cine Teatro.
 
A asociación Amadores da Música organiza para este domingo, 3 de xaneiro, un concerto solidario da Banda Municipal de Ribadeo a través do que se recadarán fondos para a Asociación de Persoas con Discapacidade da Mariña Lucense (A Mariña-Cogami), concretamente para as que teñen mobilidade reducida. O espectáculo comezará ás 20 horas no Cine Teatro ribadense. O prezo da entrada, establecido polo colectivo destinatario, será de cinco euros.
O presidente de Amadores da Música, José Luis Pulpeiro, explicou que “a Asociación Amadores da Música, que xestiona a Banda Municipal de Ribadeo, vén ofrecendo estes dous últimos anos uns concertos solidarios con motivo de recadar fondos, na medida do posible, para esas asociacións que, sen ánimo de lucro, favorecen o día a día das persoas con algún tipo de problema. Dada a cantidade de situacións que se presentan na vida cotiá ante numerosas temáticas relacionadas coas necesidades e preocupacións, preguntámonos uns aos outros: ¿que podemos facer?, ¿como podemos cambiar algo a realidade?, ¿como tender a man cando hai outro que o está necesitando? En definitiva, ¿como podemos axudar?”.
Pulpeiro engadiu que “no noso caso estaba cantado que a nosa participación sería facer aquilo que mellor sabemos: música a través da nosa Banda. Como algúns recordarán, o concerto solidario do ano pasado foi a favor da loita contra o cancro infantil a través da súa delegación na provincia de Lugo, na que está incluída Ribadeo. Este ano dedícaselle ás persoas con mobilidade reducida a través da Asociación de Persoas con Discapacidade da Mariña Lucense-Cogami. Seguramente alguén se estará preguntando por que se escolleron estas asociacións e non outras. A resposta é sinxela: por ningún motivo en particular. Son tantas as asociacións, en definitiva persoas, que necesitan axuda, que se fai imposible satisfacer tanta demanda e por iso foron escollidas ao chou. Réstame pedir a colaboración de todos e todas para que o próximo domingo día 3 acudan a este concerto que se vai celebrar no teatro ás 8 da tarde”.
Haberá ademais unha fila cero para todas aquelas persoas que queiran colaborar, pero non poidan asistir ao concerto. Os donativos poden realizarse no número de conta de Abanca ES65-2080-0140-1130-4001-5012. 
A presidenta da Asociación de Persoas con Discapacidade de A Mariña-Cogami, Emma Camaño, explicou que “a entidade  está declarada de Utilidade Pública e por tanto os donativos  pódense declarar, xa que desgravan”.
Amadores da Música aproveita a ocasión para transmitir “os nosos mellores desexos neste Nadal e un ano 2016 cheo de esperanza e realizacións”.