A asociación Mulleres de San Ciprián inaugurará unha escultura en homenaxe á muller, coincidindo coa celebración do 8 de marzo.

A asociación Mulleres de San Ciprián inaugurará unha escultura en homenaxe á muller, coincidindo coa celebración do 8 de marzo.
 
A Asociación Mulleres de San Ciprián organiza para o próximo domingo un acto de homenaxe á muller coincidindo coa conmemoración do 8 de marzo, Día da Muller Traballadora. O evento principal será a inauguración dunha escultura deseñada e elaborada polo artista local Telmo Cao Farré e financiada pola asociación, que se instalará de forma permanente na praza dos Campos de San Ciprián. Unha obra que se descubrirá por primeira vez ese mesmo día, con temática relacionada coa muller e 2 metros de altura. 
Os actos comezarán ás 18 horas na praza dos Campos, onde haberá unha carpa instalada para a ocasión, coa benvida a todos os asistentes e as intervencións da presidenta da asociación, Amparo Pernas, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o aturo, Telmo Cao Farré. A continuación descubrirase a escultura e terá lugar o acto de cesión ao Concello, que pasará a ser o encargado do mantemento desta peza. 
A Asociación Mulleres de San Ciprián convidou a todas as asociacións do municipio a participar neste acto que é aberto ao público co obxectivo de “facer unha homenaxe ás mulleres que non só se vivirá un día, senón que perdurará no tempo coa permanencia desta escultura que agardamos sexa do gusto dos nosos veciños e que preparamos con moito cariño e ilusión”, asegura a presidenta da entidade.