A asociación Conde Santo, de Lourenzá, celebrará o 16 o seu terceiro luns de Entroido. Haberá actividades para nenos, chocolatada, premios e festa de disfraces.

A asociación Conde Santo, de Lourenzá, celebrará o 16 o seu terceiro luns de Entroido. Haberá actividades para nenos, chocolatada, premios e festa de disfraces.
 
A asociación Conde Santo, de Lourenzá, celebrará o vindeiro día 16 o seu terceiro luns de Entroido. O evento terá lugar no recinto do Mercado Gandeiro e contará cunha temática central para os disfraces baseada nas distintas culturas e nacionalidades do mundo. Os nenos gozarán de música e xogos especiais a partir das cinco da tarde e poderán participar nunha chocolatada, organizada polo Concello, ao remate da festa infantil, que será gratuíta. Os adultos poderán acceder a outra festa, que terá lugar no mesmo recinto xa pola noite, a partir das 23 horas, cun custe de 5 euros por persoa. Nela outorgaranse premios aos mellores disfraces en catro categorías distintas: individual, parellas, grupos e o máis chistoso.  
O presidente da asociación, Noé Recalde, explicou que “este é o terceiro ano que organizamos o luns de Entroido, que ten moita tradición no pobo porque se celebraba xa en anos anteriores, aínda que antes se facía na discoteca El Recreo e agora pasámolo nós ao recinto feiral. Sempre damos unha idea da temática para que a xente poida ir disfrazada e este ano o tema serán as diferentes nacionalidades e culturas do mundo. Pola tarde faremos para os nenos un pouquiño de festa, poñerémoslles música e organizaremos xogos e despois o Concello invitaraos a unha chocolatada”.
Noé Recalde engadiu que “este é xa o terceiro ano que facemos este luns de Entroido e esperamos que siga a ter o mesmo éxito de asistencia que nas edicións anteriores. Dende a asociación Conde Santo facemos varias actividades durante todo o ano e esta é unha delas coa que pretendemos sacar fondos para as festas patronais do pobo. É unha actividade que xa levamos tempo facendo e dá moi bos resultados. Pola tarde as actividades para nenos son gratuítas; e xa pola noite, e debido a que damos premios, o prezo por persoa será de 5 euros. Haberá os seguintes premios: 120 euros para grupos, 60 euros para parellas, 30 euros para individuais e 30 euros tamén para o disfrace máis chistoso. Esperamos que toda a xente se achegue a Lourenzá para gozar deste luns de Entroido connosco”. 
Estes actos contan coa colaboración do Concello de Lourenzá tanto na organización da chocolatada gratuíta para os máis pequenos como na cesión do Mercado Gandeiro para celebrar tódalas actividades do luns de Entroido.