A cuarta edición da Feira de Gando de Cangas de Foz celebrarase este domingo, día 21, na área recreativa de Os Castros. Está organizada polo Concello de Foz e foi presentada polo primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural, Pedro Fernández Manín, xunto con representantes dos colectivos colaboradores: Cabaleiros de Cangas, Agrupación Deportiva e Cultural Os Castros, Asociación de Veciños San Pedro e Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Real, Rañadoiro e Agudo.
A apertura da feira será ás 10 da mañá e as catro e media da tarde comezarán os concursos, con probas de andadura para diversos tipos de cabalos e tamén haberá carreira de burros. A continuación farase a entrega de premios en metálico e trofeos, ademais dun sorteo.
Os premios serán para os mellores clasificados nos concursos e tamén para os gandeiros con maior número de cabezas de gando vacún e cabalar, para os mellores cabalos, eguas e exemplares vacúns, para o cabaleiro e a amazona máis novos e de máis idade e para os animais máis peculiares.
No recinto feiral instalarase unha pulpería, durante a mañá o público poderá gozar de paseos en cabalo gratuítos, haberá exposición de maquinaria agrícola e de artesanía e animación musical a cargo dunha discoteca móbil.