Faltan dúas semanas para que se celebre segunda edición da Media Maratón Ribadeo-As Catedrais e xa son 550 as persoas inscritas para participar. Así o anunciou esta mañá o alcalde, Fernando Suárez, que anima aos interesados a inscribirse, xa que o prazo para facelo segue aberto. O rexedor destacou a boa acollida da iniciativa e a participación de corredores de diferentes lugares do estado e mesmo do estranxeiro.
Suárez Barcia dixo que “está indo moi ben o número de inscritos, hai máis de 500, concretamente 550 inscritos. O que nos gusta é que esta carreira comeza a internacionalizarse, ademais de xente de Galicia, loxicamente, e de Asturias tamén, hai xente de Madrid, de Segovia, do País Vasco, algún de Sevilla, e tamén de Irlanda. Inscríbense porque queren vir aquí polo que se foi falando o ano pasado, tanto o percorrido magnífico para os ollos de calquera atleta, como tamén pola organización, o voluntariado, esas practicamente 100 persoas que o ano pasado, e este ano esperamos que volvan repetir, que estiveron en cada punto de avituallamento, no inicio, no final, para que sempre houbera auga e alimento para todos estes corredores que teñen que facer un esforzo titánico para correr os 21 quilómetros que separan Ribadeo e As Catedrais”.
O prazo para inscribirse na II Media Maratón Ribadeo-As Catedrais segue aberto, así que o alcalde anima a todos a inscribirse e a gozar da beleza do percorrido: “queremos animar aos que non se inscribiron e estean en capacidade física de facer esta media maratón, a que o fagan, porque sen dúbida é unha das maratóns máis fermosas de todo o país e aínda quedan prazas vacantes”.