A segunda parte da iniciativa Cinema no Cenima de Foz empeza este xoves, día 30, e continuará o 14 de maio e o 18 de xuño.
O concelleiro de Cultura focense, Ánxel Paleo Soto, explicou que “no Concello de Foz seguimos este trimestre co Cinema no Cenima, coa proxección de tres novas películas: a primeira será este xoves, 30 de abril, e titúlase 10.000 quilómetros, un filme que foi un dos máis votados cando se puxo a lista de películas na páxina web do Concello e é un drama que conta a historia dunha parella que fai plans para ter un fillo pero por cuestións dunha beca vense separados, un en Barcelona e o outro en Estados Unidos, e manteñen unha relación á distancia de 10.000 quilómetros durante un ano; este filme obtivo varios premios nacionais e internacionais e foi un dos mellor valorados polos críticos. A seguinte sesión será o xoves 14 de maio, co filme Los fenómenos, e o xoves 18 de xuño a protagonista será Magical Girl”.
Ánxel Paleo engadiu que “todas estas proxeccións serán ás 20:30 horas no Cenima e a entrada terá un custe de 3 euros. A apertura das taquillas será ás oito da tarde””.
Teatro nas parroquias
O concelleiro de Cultura aproveitou para dar a coñecer ademais que “en vindeiras fechas dará comezo nas parroquias do concello unha nova axenda teatral, dando continuidade ao Teatro no Outono nas parroquias, unha actividade cultural que acadou moito éxito, polo que queremos ampliala. Farase coa colaboración, como non, das compañías de teatro afeccionado que temos no concello, ás que agradecemos o seu apoio”.