Viveiro, Mondoñedo, Ribadeo, Foz e Barreiros acollerán nas vindeiras semanas a proxección do documental "O Piloto", que se presentou en Lugo no Pazo de San Marcos.

Viveiro, Mondoñedo, Ribadeo, Foz e Barreiros acollerán nas vindeiras semanas a proxección do documental "O Piloto", que se presentou en Lugo no Pazo de San Marcos.
 
A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolleu esta mañá a presentación da xira que fará o documental sobre a vida de José Castro Veiga, O Piloto, durante os próximos meses por toda a provincia de Lugo. Este proxecto sobre a vida dun dos últimos membros do Exército Guerrilleiro Galego foi apadriñado pola Asociación Cultural Dous Punto Oito, dirixido polo fotógrafo Xosé Reigosa e guionizado polo xornalista chantadino Afonso Eiré. Reigosa participou hoxe na presentación xunto a Mario Outeiro, responsable de Cultura da Deputación de Lugo.
Outeiro explicou que “despois do éxito da estrea do documental ‘O Piloto’ na cidade de Lugo, a Área de Cultura promove 14 proxeccións do mesmo”, sinalou. Deste xeito, o documental ‘O Piloto’ chegará a 14 cidades e vilas da provincia. Iniciará o seu percorrido este domingo, día 12, en Sarria ás 20 horas na Casa da Cultura. O 23 chegará a Celeiro, en Viveiro, o 24 a Mondoñedo (Centro Comarcal), o 25 á Fonsagrada (Salón de Actos) e pechará o mes de abril o día 30 en Ribadeo (Teatro Principal).
O mes de maio arrincarao con dúas proxeccións no concello do Saviñao. O día 1 será en Vilelos (local da asociación de veciños) e o 2 no auditorio de Escairón. Posteriormente viaxará o día 8 a Vilalba (Casa da Cultura), o 9 a Becerreá (Casa da Cultura), o 10 a Meira (Casa da Cultura), o 15 a Lugo (Salón de Actos da Deputación), o 16 ao Corgo (Centro Sociocultural), o 29 a Foz (Cenima) e o 30 a Barreiros (Centro Social).
Outeiro lembrou que a “a Área de Cultura apoiou economicamente a elaboración deste documental, que relata a vida de José Castro Veiga, nacido no Corgo e coñecido por ser o último guerrilleiro da loita antifranquista, sendo asasinado pola Garda Civil preto da presa de Belesar no ano 1965”, explicou. Este documental foi presentado ao público o pasado 20 de febreiro no Pazo de San Marcos. “Incluíramolo dentro do ciclo de conferencias que se organizara dende a Área de Cultura arredor dos 40 anos de represión e resistencia da ditadura franquista”, rememorou Outeiro.
Moito máis que un guerrilleiro 
Pola súa banda, Xosé Reigosa, que agredeceu o apoio prestado “pola Deputación e moi especialmente por Mario Outeiro”, asegurou que O Piloto foi “moito máis que o último guerrilleiro morto en combate, xa que é unha lenda que, 50 anos despois da súa morte, está presente no pobo”, afirmou. Así mesmo, sinalou que na realización deste documental descubriron “novos aspectos totalmente descoñecidos sobre a súa figura e tamén nos encontramos con moitas cousas sobre a súa persoa que non son verdade.  Este era un dos nosos obxectivos, desentrañar o que hai de verídico e o que de construción social”, asegurou. Tamén recordou que “a guerrilla galega foi a primeira en organizarse e tamén a última en depoñer as armas”, relatou. 
Reigosa, fotógrafo natural de Barreiros e residente en Lugo, aportou varios detalles sobre a produción deste traballo: “Foi un traballo bastante intenso, xa que fixemos máis de medio centro de entrevistas e contabilizamos 100 horas de metraxe, completando máis de 8.000 quilómetros entre eu e Afonso Eiré. Comezamos a traballar a finais do verán de 2013 e ocupounos todo o 2014; en total, preto dun ano e medio de documentación, gravación e edición”, aclarou. 
Ausencia de imaxes e vergoña a relatar os acontecementos
Reigosa comentou que o documental “comeza cunha introdución na que se contan as últimas horas do Piloto, ata cando o matan preto de Belesar” e relatou algúns dos problemas cos que se atoparon á hora de levar a cabo o traballo. “Por un lado está a ausencia de imaxes, xa que daquela moitas foron destruídas porque para os seus posuidores podían ser comprometedoras á hora de relacionalos coa guerrilla e hoxe en día, a pesar de que xa pasaron 70 anos desde a Guerra Civil, aínda hai moita xente que non quere falar daqueles acontecementos por vergoña”, manifestou.
Así mesmo, incidiu na vinculación política do Piloto. “Nin foi un bandoleiro, nin foi un escapado, nin andaba polo monte. Foi un político que non tivo máis remedio que coller as armas para defender a legalidade republicana, primeiro, e logo aos máis necesitados, tratando de que os abusos e as inxustizas minguasen ou non se levasen a cabo en moitos casos”, xustificou. 
Primeira vez que se publican os nomes dos gardas e como o abateron
Finalmente, Reigosa salientou que no documental “saen á luz por primeira vez os nomes dos gardas que participaron na súa morte e cóntase como o abateron”, así como a entrevista que lle fixo no ano 1979 a Ramona Curto, Mirelle, a compañeira sentimental do Piloto, xa falecida, e as confidencias que lle fixo nos anos posteriores: “Como daquela non tíñamos bos medios para gravar a voz, reprodúcense a través da actriz Comba Campoy”. O actor Ramón Rodríguez Porto é o encargado de darlle vida ao Piloto.