Do 30 de outubro ao 28 de novembro terá lugar a cuarta edición do Mes da Maxia, que organiza a Mancomunidade de Municipios da Mariña lucense en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, da Xunta. Son 20 os restaurantes participantes nesta iniciativa, que ano tras ano colleita máis éxitos e se consolida entre as propostas do outono na comarca. E tres son os magos: Teto, Rafa e Charly, que achegarán os seus trucos a aquelas persoas que acudan a gozar dos menús máxicos preparados polos locais que se suman ao Mes da Maxia.
O 30 de outubro o Mes da Maxia dará comezo en Casa do Fidalgo, de A Pontenova, e Casa Damián, de Foz. O 31 de outubro haberá menú máxico e actuación en Casa Franco, de Alfoz, e no hotel Vila do Val, en Ferreira do Valadouro.
O Mes da Maxia seguirá en novembro o día 6 en A Parrillada de Jandro, de Burela, e en O Asador, de Viveiro. O día 7 no Parador de Turismo de Ribadeo e en O Noso Lar, en Cervo. O día 13 os que o desexen poderán acudir ao restaurante Río de Oro, de Cervo, e á Yenka, en Barreiros; e o día 14 ao mesón A Garita, de Ourol, ou ao hotel O Cabazo, de Ribadeo. O Mes da Maxia chegará o 20 de novembro a Buenavista, en Cervo, e a As Sirenas, en Viveiro; e o día 21 a Casa da Penela, en Mondoñedo, e a Area Grande, en O Vicedo. O Mes da Maxia pechará a última fin de semana de novembro, con actuación o día 27 en Casa Pepe-O Piano, en Ribadeo, e en Mis en Plas, en Burela; e o día 28 en O Almacén, en Cervo, e en Finca Galea, en Alfoz.
O prezo dos menús máxicos mais actuación é de 25 euros por persoa. O calendario de actuacións pode consultarse na páxina web: www.mesdamaxia.com As reservas poden facerse directamente nos restaurantes participantes, como mínimo, con 24 horas de antelación.
O Mes da Maxia conta co patrocinio de Pazo do Mar e de Distribuciones Carreiras.